Site icon Crónica3.com A Mariña

O PP de Ribadeo presenta unha moción para que se lle rebaixe o custe da electricidade a Alcoa

O GRUPO MUNICIPAL DO PARTIDO POPULAR no Concello de Ribadeo a través do seu portavoz D. Manuel A. Valín Valdés en base á lexislación vixente, presenta a seguinte

MOCIÓN DO PARTIDO POPULAR SOBRE OS CUSTOS DERIVADOS DA TARIFA ELÉCTRICA E O APOIO Á COMPETITIVIDADE DA EMPRESA ALCOA EN GALICIA

EXPOSICIÓN DE MOTIVOS

A empresa multinacional do aluminio Alcoa, con centros de traballo en San Ciprián e A Coruña, representa para A Mariña lucense o seu principal motor económico e laboral. De feito, os últimos datos coñecidos, indicaban que a factoría mariñá xera máis de 1.700 empregos directos e máis de 500 indirectos.

Alcoa, ademais de ser unha das mellores factorías de alúmina-aluminio do mundo, é unha das empresas máis importantes desde o punto de vista industrial de Galicia. Así por exemplo é clave para provincias como a nosa, a de Lugo, xa que só a actividade de Alcoa representa o 30% do PIB lucense.

Dada a importancia que este proxecto industrial ten en Galicia -e para A Mariña en particular- resulta evidente a necesidade de priorizar todos os apoios que se estimen necesarios para o mantemento da súa actividade, a viabilidade futura da empresa e do volume de emprego a ela asociada.

Tras o acceso á responsabilidade de goberno na Xunta do Partido Popular, déronse pasos nesta liña como son os convenios de colaboración asinados con Alcoa San Ciprián e Alcoa A Coruña para pór en marcha un proxecto de gasificación destas plantas, que supuxeron a mobilización duns investimentos de máis de 2,6 millóns e 1,5 millóns de euros respectivamente.

O apoio da Consellería de Economía e Industria a esta compañía permitirá a substitución do combustible actual, fuel-oil, por gas natural nos procesos produtivos das factorías así como o impulso definitivo ao inicio da tramitación do Gasoduto da Mariña.

Con todo, o principal reto da compañía está no custo derivado da tarifa eléctrica que paga. Para empresas como Alcoa, grandes consumidores de enerxía -con consumos equivalentes a 33.000 fogares- a factura eléctrica representa un dos gastos máis importantes da súa conta de explotación: seis veces o custo de amortizacións e cargas financeiras, tres veces o custo da man de obra directa, dúas veces a suma dos gastos fixos máis gastos de mantemento, administración, xerais e de ventas.

Neste campo os máis de 24 mil millóns de euros de déficit da tarifa eléctrica herdados tras a máis que cuestionable xestión de dúas lexislaturas socialistas no Estado -só en oito anos multiplicaron por 17 este déficit tarifario- obrigan a unha revisión forzosa do marco enerxético do noso país e, polo tanto, a unha variación das tarifas a particulares e empresas.

Ao obxecto de contribuír ao debate sobre o novo réxime tarifario e facelo desde a defensa dos intereses de Galicia tanto o Goberno galego como o Parlamento de Galicia teñen adoptado unha serie de acordos que, trasladados ao Ministerio de Industria, buscan conseguir que se adopten as medidas precisas para que Alcoa en Galicia e en España, manteña como mínimo os niveis de emprego actuais.

Na procura de reforzar estas reivindicacións, o Partido Popular estima necesario sumar aos distintos concellos e ao conxunto dos integrantes das Corporacións Locais da Mariña lucense. Faino como un exercicio de responsabilidade coa principal industria da comarca. E ademais en base ao texto consensuado e aprobado por unanimidade no Parlamento de Galicia o 10 de abril de 2012.

É polo que somete á consideración das e dos concelleiros a seguinte:

Proposta de acordo

O Pleno da Corporación municipal asume como propia a moción aprobada por unanimidade no Pleno do Parlamento de Galicia que tivo lugar o 10 de abril de 2012 e, en consecuencia acorda:

1.°) Trasladarlle ao Goberno de España a recomendación de impulsar un acordo urxente de prezos entre as empresas produtoras de electricidade e os grandes consumidores, que implique unha minoración dos actualmente vixentes ata o 31 de decembro, e un horizonte superior a cinco anos, que faga posible o desenvolvemento dos plans estratéxicos das industrias afectadas.

2.°) Solicitar unha revisión das tarifas de acceso para os grandes consumidores de enerxía que inclúan só e exclusivamente os custos asociados ás redes e aos de operación do sistema.

3.°) Instar que se manteña o servizo de xestión de interrumpibilidade da demanda.

4.°) Dirixirse á Xunta de Galicia para que poña en valor o carácter estratéxico das plantas de Alcoa en Galicia, pola súa produción de alumina e aluminio, polo súa achega ao valor engadido e polo volume de emprego xerado

Exit mobile version