Site icon Crónica3.com A Mariña

O PP informa que o Parlamento aprobou por unanimidade rebaixar as tarifas eléctricas a Alcoa

A necesidade dunha nova política enerxética é froito do desmesurado déficit tarifario que deixou o Goberno socialista central: 24.000 millóns de euros, unha débeda que o PSOE multiplicou por 17 en oito anos

O PARLAMENTO ASUME A EMENDA POPULAR E APROBA POR UNANIMIDADE PEDIR AO ESTADO A REDUCIÓN DAS TARIFAS ELÉCTRICAS QUE ABONA ALCOA

 A multinacional do aluminio, con centros de traballo en San Ciprián e A Coruña, é considerada polo Goberno galego como unha empresa estratéxica para Galicia pola súa capacidade de xeración de emprego, pola súa importancia produtiva e porque achega riqueza e valor engadido ás localidades nas que se sitúa

 Tras o acceso do PP á responsabilidade de Goberno en Galicia, a Xunta ten mobilizado 4 millóns de euros en axudas directas en apoio de proxectos gasísticos que buscan garantir a viabilidade e competitividade desta compañía

Santiago, 10 de abril de 2012.- O Parlamento de Galicia asumiu a emenda do Partido Popular e aprobou por unanimidade pedir ao Goberno do Estado a revisión e redución das tarifas eléctricas que abona Alcoa e outras empresas industriais consideradas como grandes consumidores de enerxía eléctrica. A importancia desta decisión vén dada porque a factura da luz é o principal custe de produción desta compañía e, polo tanto, acordar a súa variación á baixa inflúe significativamente na competitividade e viabilidade da mesma.

O deputado popular José Manuel Balseiro sinalou na súa intervención a importancia deste acordo que busca contribuír a apoiar a unha compañía que o propio Goberno galego e o PP considera como “estratéxica para a nosa comunidade”: pola súa capacidade de xeración de emprego, pola súa importancia produtiva e porque achega riqueza e valor engadido ás localidades nas que se sitúa. Non en vano, esta multinacional do aluminio, con centros de traballo en San Ciprián e na Coruña, xera máis de 2.500 empregos, tanto directos como indirectos.

DESMESURADO DÉFICIT: HERDANZA SOCIALISTA

O deputado popular quiso deixar claro, en todo caso, que a necesidade dunha nova política enerxética e un cambio nos conceptos de pago da factura da luz vén obrigada polo desmesurado déficit tarifario que deixou o Goberno socialista central, e que ascendeu a 24 mil millóns de euros. “Unha débeda que o PSOE, cunha xestión máis que sospeitosa, multiplicou por 17 en dúas lexislaturas e que obriga agora a revisar os custes enerxéticos”, puntualizou o deputado popular.

Jose Manuel Balseiro lembrou, finalmente, que tras o acceso do Partido Popular á responsabilidade de Goberno en Galicia, a Xunta ten mobilizado 4 millóns de euros en axudas directas en apoio de proxectos gasísticos que buscan garantir a viabilidade e competitividade desta compañía.

Exit mobile version