Site icon Crónica3.com A Mariña

O PP proporá unha discriminación positiva para Mondoñedo dentro do proxecto Lugo02 da Deputación

O PP local proporá en pleno unha discriminación positiva para Mondoñedo dentro do proxecto Lugo02 promovido pola Deputación de Lugo

 En complementariedade coa proposta de traballo asentada no fomento de emprego en Mondoñedo no desenvolvemento sostible da xestión forestal, o PP busca o consenso do pleno local para propoñerlle á Deputación que considere Mondoñedo o centro neurálxico do Lugo02, dentro da área de aproveitamento forestal

 O obxectivo do PP local e lograr o apoio e colaboración das administracións, dentro das súas competencias, no desenvolvemento de proxectos que permitan dinamizar a localidade

Mondoñedo, 18 de abril de 2012- O Grupo Municipal do Partido Popular rexistrará unha iniciativa para o debate do próximo pleno local na que solicita trasladarlle á Deputación provincial de Lugo a proposta de que se considere Mondoñedo como centro neurálxico de actuación dentro do proxecto Lugo02, promovido polo ente lucense para o desenvolvemento da provincia de Lugo, tendo como obxectivos, entre outros, a posta en valor dos recursos naturais dispoñibles, entre eles o forestal.

O Grupo Popular traslada esta proposta ao pleno local dado que a Deputación provincial de Lugo vén de aprobar na xunta de goberno do pasado 13 de abril tres expedientes de contratación dentro do Lugo02, un deles destinado a potenciación da agricultura ecolóxica, da gandería ecolóxica e do aproveitamento forestal.

Na proposta da Deputación consideran a zona norte como de elevada concentración de explotacións forestais. Isto engadido a que na segunda reunión da Mesa de Seguimento para o fomento de emprego aprobouse como unha das liñas de actuación a seguir o análise teórico do desenvolvemento sostible da xestión forestal, o PP local pide a colaboración do pleno local para o traslado da proposta á administración provincial e se considere así a Mondoñedo como centro neurálxico do proxecto Lugo02”, cofinanciado nun 70% por fondos FEDER.

Segundo explican dende o Grupo Popular, a colaboración entre administracións é clave para poder desenvolver proxectos, máxime nun momento tan complexo. Así, o Grupo Popular solicítalle ao pleno local, trasladarlle á Deputación provincial a necesidade de aprobación dun acordo para a articulación dun protocolo de actuación que permita un aproveitamento das actividades a desenvolver, con discriminación positiva para Mondoñedo, ao reflexar esta localidade indicios de despoboamento, de paro, de envellecemento da poboación e de inexistencia do tecido empresarial e da actividade comercial.

E por último, o Grupo Popular local tamén pide que se dea traslado do acordo á delegación de Medio Ambiente e Enerxías renovables, así como a Presidencia solicitándolles o apoio e implicación.

Remitido

Exit mobile version