Site icon Crónica3.com A Mariña

O PP solicita á Xunta un estudo sobre os danos por desprendemento na fachada do mosteiro de San Salvador de Lourenza

A deputada popular demanda, ademais, a elaboración dunha proposta de actuación para a súa corrección, que se levaría a cabo en colaboración co Concello e coa Diocese de Mondoñedo-Ferrol

EMMA ÁLVAREZ SOLICITA Á XUNTA A REALIZACIÓN DUN ESTUDO SOBRE OS DANOS OCASIONADOS POLO DESPRENDEMENTO DA FACHADA DA IGREXA DO MOSTEIRO DE SAN SALVADOR DE LOURENZÁ

Santiago, 30 de abril de 2012.- A deputada do Grupo Popular Emma Álvarez Chao presentou unha proposición non de lei a través da que se insta á Xunta de Galicia a realizar un estudo técnico completo para determinar os danos ocasionados polo desprendemento do capitel dereito da fachada da igrexa do Monteiro de San Salvador de Lourenzá que permita elaborar unha proposta de actuación para a súa reparación, que se levaría a cabo contando coa colaboración do Concello e a Diocese de Mondoñedo-Ferrol.

O pasado 7 de abril tivo lugar a caída do capitel dereito da fachada da igrexa do Mosteiro de San Salvador de Lourenzá, unha peza barroca proxectada por Casas e Novoa que está considerada precedente arquitectónico da fachada do Obradoiro da Catedral de Santiago de Compostela.

CONSERVACIÓN

Ante esta situación, Álvarez Chao presentou unha proposición para que a Xunta de Galicia leve a cabo un estudo técnico completo sobre os danos ocasionados no mosteiro por este desprendemento, ao tempo que, en colaboración coa Diocese de Mondoñedo-Ferrol, inicie as accións necesarias para a reparación dos desperfectos, así como das actuacións de conservación mínimas imprescindibles para evitar danos futuros na fachada.

Por último, a deputada popular solicita ao Goberno galego que preste á Diocese de Mondoñedo-Ferrol, propietaria do mosteiro, o asesoramento técnico necesario para establecer un plan de conservación da fachada e evitar novas situacións de deterioro do monumento e de perigo para os veciños de Lourenzá.

Remitido

Exit mobile version