Site icon Crónica3.com A Mariña

O PP trasladará ao conxunto dos concellos da Mariña lucense o acordo parlamentario instando á rebaixa da tarifa eléctrica de Alcoa

Jose Manuel Balseiro, Emma Álvarez e alcaldes e portavoces do PP na Mariña anuncian a presentación de mocións en todos os plenos municipais en apoio desta empresa que representa o principal motor económico e laboral da comarca

O PARTIDO POPULAR TRASLADARÁ A TODOS OS CONCELLOS DA MARIÑA LUCENSE O ACORDO PARLAMENTARIO SOBRE A REBAIXA DA TARIFA ELÉCTRICA DE ALCOA

 A medida busca ampliar o respaldo á petición que a Xunta de Galicia formalizará diante do Ministerio de Industria sumando o apoio das disintas corporacións locais

Cervo, 13 de abril de 2012.- O deputado do Grupo Parlamentario Popular, Jose Manuel Balseiro, deu conta en rolda de prensa de que a formación política á que pertence trasladará ao conxunto dos concellos da Mariña lucense o acordo parlamentario instando á rebaixa da tarifa eléctrica de Alcoa.

O deputado mariñán, acompañado da tamén deputada Emma Álvarez Chao e de alcaldes e portavoces do PP nesta comarca, sinalou que esta medida pretende ampliar o respaldo co apoio das corporacións locais á petición que a Xunta de Galicia trasladará diante do Ministerio de Industria.

Foi o pasado martes, 10 de abril, cando no Pleno do Parlamento de Galicia as tres forzas políticas votaban, por unanimidade, un acordo no que se instaba ao Goberno galego a trasladar ao Estado a necesidade dunha revisión á baixa das tarifas de acceso que abonan as empresas grandes consumidores de enerxía, como Alcoa. Pedían que a factura incluíra só e exclusivamente os custos asociados ás redes e os de operación do sistema -e, polo tanto, que o prezo final sexa o mínimo posible- así como que se manteña o servizo de xestión de interrumpibilidade da demanda polo que Alcoa recibe un desconto na factura definitiva.

O texto final, enriquecido coas achegas dunha emenda do Partido Popular, será o que poderán asumir como propio as distintas corporacións locais das bisbarrados da costa lucense, a iniciativas dos grupos municipais populares.

EXERCICIO DE RESPONSABILIDADE

Balseiro Orol deixou claro “que esta non pretendía ser unha iniciativa oportunista nin partidista”. De feito, desde o Grupo Popular, recoñecen e valoran que fora posible acadar un acordo unánime dos tres partidos con representación no Parlamento. Pero, en todo caso, consideran que trasladar esta iniciativa aos concellos “é un exercicio de responsabilidade e compromiso coa comarca, pois o PP non deixa de ser o partido que máis representación ten na Mariña de Lugo”.

Balseiro Orol sinalou finalmente que os concellos terán a oportunidade de sumarse e fortalecer esta reivindicación dirixida a servir de apoio da empresa que “representa o principal motor económico e laboral da comarca”. De xeito a factoría de San Ciprián xera máis de 1.300 empregos directos e preto de medio millar máis de xeito indirecto. Alcoa tamén dispón dun centro de traballo na cidade da Coruña.

Remitido

Exit mobile version