Nos Concellos de menos de vinte mil habitantes, a Xunta cubrirá a axuda no fogar a dependentes e aos traballadores sociais, e a Deputación a axuda básica
Barreiro e Candia: “Se algún usuario se queda sen servizo básico de axuda a domicilio, nun Concello de menos de 20.000 habitantes, a responsabilidade será da Deputación”
. Barreiro e Candia afirman que o goberno autonómico continuará co financiamento de axuda no fogar e insta á Deputación a que coordine os recursos para acadar unha maior eficacia e rendibilidade
. Os populares aseguran que agora, máis que nunca, debido á mala época económica que vivimos, hai que evitar as duplicidades entre as administracións
Lugo- 9-04-2012 O Presidente do PP de Lugo, José Manuel Barreiro e a Voceira do PP na Deputación de Lugo, responderon está mañá as declaracións verquidas polo BNG no tocante ás axudas no fogar.
Barreiro e Candia negarón as manifestacións emitidas polos nacionalistas, quenes alertan de que o goberno autonómico eliminará as subvencións a concellos con menos de 20.000 habitantes e que 3.000 usuarios da provincia de Lugo, que reciben prestación dentro do Servizo de Axuda no Fogar (SAF) poderían quedar sen este servizo.
O Presidente Provincial e voceira na Deputación aseguraron que estas declaracións referentes ao novo decreto publicado o pasado 30 de marzo no DOG, sobre os servicios sociais comunitarios, desvirtúan a realidade e salienta que a Consellería de Traballo e Benestar non deixará de financiar a ningún concello.
“Segundo esta normativa, que modifica o que antes se coñecía como Plan concertado, a Xunta de Galicia financiará o SAF dependencia e os traballadores sociais (os profesionais de referencia) en todos os concellos de Galicia, teñan a poboación que teñan. A maiores, nos casos de concellos que teñan máis de 20.000 habitantes a administración autonómica financiaralles tamén o servizo de axuda no fogar básica (isto é para non dependentes) e o resto de persoal de servizos sociais (aquel persoal que non sexa traballador social)”.
“O que pretende o BNG é desvirtuar a realidade. Este decreto pretende mellorar e axilizar o financiamento destes servizos sociais, o que dará liquidez aos concellos: por exemplos, as axudas do servizo da axuda no fogar pasarán a liquidarse trimestralmente, cando antes era anualmente. A Lei de Administración local (no artigo 104, entre outros) e a Lei de Servizos Sociais (artigo 63 e 64), que se desenvolven con este decreto, establecen que as Deputacións deben colaborar economicamente e prestar asistencia técnica aos concellos, especialmente aos de menos de 20.000 habitantes. Polo tanto, o novo decreto (artigo 31) establece que os organismos provinciais apoiarán principalmente o financiamento do SAF básico e do resto de persoal que non sexa traballador social, mentres que a Xunta de Galicia centrarase no SAF dependencia e nas nóminas dos traballadores sociais”-insisten. Polo tanto, en ningún caso se está deixando sós aos concellos no financiamento do servizos na axuda no fogar, como sinalan as críticas, senón que se está sinalando á deputación que cumpra coas súas competencias e apoie a estes concellos.
Polo tanto, ante estas competencias propias das administracións provinciais, os populares pídenlle a Deputación, a colaboración e coordinación coa Xunta de Galicia e cos entes locais para acadar así unha maior eficacia e rendibilidade dos recursos.
“Sempre, pero especialmente agora, debido aos momentos que vive o país, temos unha obriga engadida que consiste en xestionar coa maior eficiencia posible os recursos públicos e temos unha maneira de levar a cabo esa xestión eficiente tentando evitar as duplicidades entre as administracións”-manifestou Barreiro.
O Presidente do PP en Lugo e a Voceira na Deputación insistiron neste artigo 63 e no 64 da Lei de Servizos Sociais de 2008, onde se recolle a colaboración interadministrativa, e lembraron que o plasmado é o que acaba de facer a Xunta de Galicia, que non é outra cousa que aplicar, na súa literalidade, o que o antigo bipartito puxo no papel.
Xa que o dos nacionalistas non se entende, posto que uns din unha cousa e outros outra, os populares confían en que o PSOE, en Lugo, corrixa ao BNG porque os dous quedan en evidencia debido a que elaboraron de forma conxunta este texto.
Asegura o PP que estas declaracións corresponden a rutina da oposición de enganar aos cidadáns e crear alarma, posto que como non teñen proxecto político detrás apoianse en mentiras, tapando as vergonzas cun vestido inadecuado.