Nota remitida.
Co gallo da posta en servizo do treito Moncelos-Abadín da estrada LU-113 tras as súas obras de acondicionamento -acto no que estivo presente, entre outras autoridades o deputado mariñán Jose Manuel Balseiro- o Presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, fixo unhas declaracións que dan conta dos compromisos do Goberno galego coas infraestruturas na nosa comarca: Falou do corredor da Costa e da autovía do Cantábrico.
Así o reflicte o extracto da nova oficial remitida pola Xunta:
O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, reiterou esta mañá o compromiso do Goberno galego cunha Galicia forte, cohesionada e global e subliñou que, pese a crise económica, só na provincia de Lugo poñeranse a funcionar, nesta lexislatura, 22 quilómetros de novo trazado, de novas conexións; “e, nestes tres anos, -engadiu- levamos un investimento de 100 millóns de euros en conservación de estradas o que nos permite actuar só nesta provincia na conservación de máis de 250 quilómetros de estradas”.
Conscientes da situación actual e de que o investimento en infraestruturas está afectado polas prioridades do Goberno galego, (…) o responsable autonómico destacou que, desde que o novo Goberno galego chegou ao poder, “marcamos dous criterios no que se refire aos presupostos en infraestruturas: garantir o desenvolvemento das actuacións en infraestruturas que temos en execución; e, sen abandonar este criterio, manter a conservación de todos os miles de quilómetros de estradas competencia da comunidade”.
Con estes dous criterios, afirmou que a Xunta vai a seguir funcionando e traballando na provincia de Lugo: “o corredor entre Sarria e Monforte, o corredor da Costa da Mariña lucense ou a estrada entre Becerreá e Navia, que de forma inmediata –reiterou- inauguraremos”.
(…)
Sobre á mellora da estrada do treito Moncelos-Abadín, Feijóo afirmou que con esta obra comunícase a esta localidade cunha autovía clave para o desenvolvemento económico e social de Galicia, de Asturias, de Cantabria e do País Vasco, como é a Autovía do Cantábrico.
(…)
En relación á Autovía do Cantábrico, lembrou que é unha prioridade nos Presupostos do Estado do ano 2012; “e estará finalizada entre 2013-2014, en función das dificultades técnicas, non en función das capacidades presupostarias”.
(…)
Feijóo concluíu a súa intervención afirmando que o Goberno galego é consciente de que ten menos recursos ca nunca “pero máis vontade que nunca”. “E esta vontade e esta dedicación seguirá, sen ningunha dúbida, porque en momentos de dificultade é cando é necesario manter o rumbo fixo sen perderse en problemas accesorios”, aseverou.