Site icon Crónica3.com A Mariña

O PSOE de Cervo cuestiona o aforro de celebrar o día do xubilado no concello de Viveiro

OS SOCIALISTAS DE CERVO CUESTIONAN O AFORRO DE CELEBRAR O DÍA DO XUBILADO NO CONCELLO DE VIVEIRO

-O Concello terá que desprazar a 600 persoas en autobuses polo que
“non entendemos onde está o aforro e ademais esta festa repercute moito na economía local, pero parece que iso non lles preocupa”

-Afirman que “son moitos os veciños que están de acordo en prescindir de certos gastos, porque o importante é reunirse un día cos maiores, non gastar miles de euros nunha comida de restaurante”

CERVO, 27 DE ABRIL. O vindeiro martes, día 1 de maio, o Concello de Cervo celebra unha edición máis do Día do Xubilado, pero este ano os 600 participantes serán desprazados en autobuses ata un restaurante do municipio veciño de Viveiro, en lugar de celebrar a xuntanza nunha carpa instalada no centro do pobo. O equipo de goberno explicou que o motivo deste cambio é reducir gastos.

Pola súa banda, os membros do Grupo Municipal Socialista de Cervo cuestionan o aforro de facer noutro concello a homenaxe ós xubilados “porque desprazar a 600 persoas en autobuses non é tampouco moi económico. E tamén hai que pensar que esta festa repercute moito na economía local, o comercio e a hostelería, pola que o goberno parece que non se preocupa”.

Os socialistas respetan, aínda que non comparten, a decisión de facer en tempos tan convulsos unha macrocomida que implica miles de euros, subliñan que “o realmente importante é facer unha homenaxe ós xubilados e que a xente teña un día para reunirse e pasalo ben en compañía dos maiores. Para facer isto, pódese prescindir de moitos gastos”.

Dende o PSOE de Cervo aseguran que “son moitos os veciños que están de acordo en privarse de gastos innecesarios, que entenden perfectamente que non se faga unha comida nun restaurante e que prefiren quedar no concello e dar vida e actividade ó pobo”.

Un ano atrás

Os socialistas engaden que “é canto menos raro que en plena campaña electoral hai tan só un ano atrás, o mesmo equipo de goberno sí poidera homenaxear ós maiores nunha carpa en San Ciprián. A día de hoxe, defenden que por motivos económicos non se pode facer o mesmo. É que hai un ano non se aforraba ou é que unhas eleccións poden cambiar a súa forma de pensar”.

Remitido

Exit mobile version