Site icon Crónica3.com A Mariña

O PSOE pídelle ao goberno de Cervo que atenda propostas dos vendedores do mercado de San Cibrao

OS SOCIALISTAS PÍDENLLE Ó GOBERNO QUE ATENDA AS PROPOSTAS DOS VENDEDORES DO MERCADO SEMANAL DE SAN CIPRIÁN PARA INTENTAR CHEGAR A UN ACORDO

-Subliñan que “os vendedores notaron nestes últimos meses unha baixada das ventas e din que non poden afrontar máis pagos. O empobrecemento do mercado semanal afectaría moito ó resto do comercio local”

CERVO, 18 DE ABRIL. O Grupo Municipal Socialista de Cervo lamenta as críticas vertidas ós medios polo concelleiro de seguridade, José Manuel Soto, tras simplemente “facer público o malestar dos vendedores ambulantes do mercado semanal de San Ciprián, despois de que o pasado xoves, persoal do Concello lles entregara as bases da convocatoria para a adxudicación dos distintos postos, así coma os novos prezos resultantes da suba das taxas”.

Dende o PSOE de Cervo, esixen “un pouco de responsabilidade ó equipo de goberno nas súas declaracións, pois interpretan unha petición coma unha crítica. Tan só fixemos pública a opinión dos afectados e solicitamos que o alcalde atenda as súas propostas”.

Ao mesmo tempo, esperan que “algún membro do equipo de goberno se pase polo mercado este xoves e comproben eles mesmos o sentir dos vendedores. Precisamente, non verán moita satisfacción, senón todo o contrario. Os afectados aseguran que dende outubro, mes no que se aprobaron as novas condicións, viven nunhas circunstancias peores. Din que nos últimos tres meses notaron moito a baixada das ventas e que non poden afrontar máis pagos”.

Os socialistas afirman que “só pretendíamos trasladarlle o problema ó equipo de goberno, pois eles son os únicos que teñen capacidade política para darlle solución. Esperamos que toda esta situación se solucione o antes posible e que as dúas partes cheguen a un acordo, porque de non ser así a afluencia de vendedores ambulantes ó mercado de San Ciprián podería sufrir unha merma importante. Merma que tamén afectaría ó comercio e á hostelería local, pois a celebración do mercado cada xoves non deixa de ser un aliciente máis para a dinamización da economía de todo o concello”.

Remitido

Exit mobile version