Site icon Crónica3.com A Mariña

O secretario xeral de Política Lingüística participará nunha sesión para coñecer o “Modelo Burela” no IES Perdouro

O secretario xeral de Política Lingüística participará nunha sesión para coñecer o “Modelo Burela”

O SECRETARIO XERAL DE POLÍTICA LINGÜÍSTICA FAI UN “CHEQUEO” AO MODELO BURELA
Valentín García participará nunha sesión de dinamización lingüística e reunirase cos diversos sectores sociais implicados nesta iniciativa cultural

O Secretario Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia visitará Burela para coñecer en profundidade o desenvolvemento do programa de integración intercultural “Modelo Burela”, impulsado pola área de innovación educativa do Instituto Perdouro, en colaboración con outros centros educativos da Mariña e co propio Concello de Burela, que aprobou un Proxecto de Planificación Lingüística en abril de 2008.
O próximo luns, día 31 de abril, Valentín García Gómez será recibido ás 16:00 horas no Instituto Perdouro polo director do centro, Juan G. Sama, e pola coordinadora da área de innovación, María José Andión Fontela. Seguidamente coñecerá persoalmente o profesorado implicado no Proxecto de Innovación Educativa, que recibiu por quinta vez consecutiva un dos premios outorgados pola Consellería de Educación en colaboración con Política Lingüística e que este ano traballa no impulso do comercio e a empresa locais.
No propio IES Perdouro, o Secretario Xeral coñecerá en directo funcionamento do programa de actividades do ciclo formativo de Desenvolvemento de Produtos Informáticos, en cuxos contidos curriculares está plenamente conseguida a normalización lingüística. A sesión didáctica estará dirixida pola profesora Margarita López Periago, que participa activamente no Proxecto Neo, dedicado á integración das persoas neofalantes.
Fóra do recinto escolar, Valentín García visitará diversas entidades comerciais da localidade, acompañando unha sesión de dinamización lingüística realizada por profesorado e alumnado dos institutos de Burela. A primeira parada (sobre as 16:45) será nos locais do Ximnasio Breogán, onde a comitiva poderá visualizar en primicia os primeiros resultados da montaxe dun videoclip de homenaxe ao célebre grupo musical “Os Resentidos”, un produto musical que recolle traballos de dous grupos musicais da Mariña -Orquestra Alma Latina (Burela); e Safari Orquestra (Lourenzá)- e que proximamente se presentará ao público xeral en diversas localidades galegas.
A xornada finalizará (por volta das 18:30 horas) co encontro dos participantes na sesión educativa cos responsables da ACIA local, que aproveitarán para explicarlle os seus proxectos ao Secretario Xeral de Política Lingüística ao tempo que lle farán entrega dun arquivo que recolle mostras das numerosas actividades realizadas por esta asociación desde que foi revitalizada.

Remitido

Exit mobile version