Site icon Crónica3.com A Mariña

O xoves 19 remata o prazo para regular as naves e vivendas sen licenza construídas antes do 2003

A XUNTA lembra QUE O VINDEIRO XOVES 19 DE ABRIL REMATA O PRAZO PARA PRESENTAR SOLICITUDES DE REGULACIÓN DE NAVES E VIVENDAS SEN LICENZA QUE FORAN CONSTRUÍDAS ANTES DO ANO 2003

 Esta solicitude está enmarcada na Disposición Transitoria Terceira da Lei 2/2010, que se centra na situación urbanística das edificacións realizadas sen licenza ou sen autorización autonómica, existentes con anterioridade a o 1 de xaneiro de 2003

 Esta disposición inclúe a novidade de que as edificacións que reúnan os requisitos sinalados poderán inscribirse a nome do seu titular para que poidan incorporarse ao seu patrimonio co obxectivo de evitar graves quebrantos económicos

 Nestas construcións permítense soamente as obras para a conservación da edificación, así como para o mantemento dunha actividade económica sempre que se acredite unha preexistencia continuada dende a orixe da edificación

Santiago, 17 de abril de 2012.- A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas sinala que o vindeiro xoves, día 19 de abril, remata o prazo de presentación de solicitudes para a regulación de naves e vivendas sen licenza que foron construídas antes do ano 2003.

Esta solicitude está enmarcada na Disposición Transitoria Terceira da Lei 2/2010, que se centra na situación urbanística das edificacións realizadas sen licenza ou sen autorización autonómica, existentes con anterioridade a o 1 de xaneiro de 2003 (data da entrada en vigor da LOUGA).

A novidade que se introduciu na modificación da Lei do Solo, a través da disposición transitoria sinalada, refírese a que as edificacións que reúnan os requisitos sinalados poderán inscribirse ao nome do seu titular para que poidan incorporarse ao seu patrimonio co obxectivo de evitar graves quebrantos económicos, cando se presentase ante o concello correspondente a solicitude de declaración ata o 19 de abril de 2012.

A instrución lembra que o recoñecemento patrimonial non supón en absoluto unha legalización do construído, senón a mera aceptación dunha situación de feito. Nestas construcións permítense soamente as obras necesarias para a conservación da edificación, así como para o mantemento dunha actividade económica sempre que se acredite unha preexistencia continuada dende a orixe da edificación. Polo tanto, existe unha total prohibición de obras de consolidación ou de ampliación.

O recoñecemento municipal habilitará para a tramitación ante a Xunta da solicitude de cualificación ambiental da actividade. A resolución autonómica sinalará os requisitos medioambientais esixidos para o desenvolvemento da actividade avaliada É dicir, a posibilidade de recoñecemento administrativo queda vinculado a efectiva adopción de todas aquelas medidas tendentes á restauración da legalidade ambiental, entre outras:

• Resolución da evacuación de augas residuais e vertido de substancias de refugallo.

• Tratamento de emisión de gases nocivos.

• Adopción de medidas tendentes a minimizar o impacto medioambiental e paisaxístico.

• Illamento acústico.

Conforme ao previsto no trámite ambiental, será o concello o encargado de efectuar a comprobación do cumprimento das esixencias sinaladas na resolución autonómica de cualificación ambiental.

Exit mobile version