Os alcaldes populares acusan ao Goberno provincial de “manipular a normativa autonómica para asustar aos usuarios” nun exercicio lamentable de “política rastreira”
Os alcaldes populares “plantan” á Deputación na súa intención de promover unha plataforma contra o decreto de servizos sociais da Xunta
Desvelan que Antón Veiga foi citado en tres ocasións pola consellería de Traballo e Benestar para manter unha xuntanza sobre esta cuestión e non acudiu á cita, comportamento que o vindeiro xoves terá a oportunidade de rectificar -pois foi convocado a un novo encontro- “se verdadeiramente lle importa este asunto e non simplemente facer demagoxia e enganar aos nosos maiores”
O PP lembra que esta lei foi creada polo bipartito e a Xunta de Galicia o que fai é desenvolvela a través do novo decreto
Lugo, 26 de abril de 2012.- Os alcaldes do Partido Popular na provincia de Lugo que hoxe asistiron a unha xuntanza convocada polo Vicepresidente da Deputación de Lugo, Antón Veiga, decidiron non secundar a súa proposta e se negaron a formar parte dunha plataforma que o dirixente nacionalista quería crear cos máximos representantes dos concellos da provincia para protestar polo contido do novo decreto de servizos sociais da Xunta.
Os rexedores populares -que representan a inmensa maioría dos concellos da provincia- consideran que o Goberno da Deputación de Lugo está a “manipular a normativa autonómica que regula o financiamento dos servizos municipais de axuda no fogar coa única intención de asustar aos seus usuarios” e cualifican este comportamento como “un exercicio lamentable de política rastreira”.
Os alcaldes do Partido Popular foron convocados esta mañá, pola área de benestar do ente provincial a esta xuntanza, onde supostamente, se lles ía a explicar os criterios que esta área levaría a cabo en materia de servizos sociais. Vendo que no encontro non se dicía nada do tema, os alcaldes populares pediron, en reiteradas intervencións a postura da Deputación no tocante á axuda dos concellos, pero o BNG obviou o tema, botou balóns fora e adicouse a anunciar medidas contra a Xunta.
PLANTÓN DE ANTÓN VEIGA
De feito os alcaldes do PP fixeron público que o propio Antón Veiga pese a ser citado en tres ocasións para ter unha entrevista na conselleira de Traballo e Benestar para falar sobre este asunto non respondeu a ningunha das invitacións “porque non lle interesa aclarar as dúbidas senón facer demagoxia a costa de meter medo aos nosos maiores”. Desde o PP revelan que o vindeiro xoves -día 3 de maio- Antón Veiga foi de novo citado na Consellería e esperan que esta vez si teña “a dignidade política” de presentarse e demostrar que este é un asunto que lle preocupa.
Con todo desde o PP quixeron poñer de relevo o grado de desinformación e confusión que manexa o propio Antón Veiga e os seus compañeiros na Deputación “que por non saber non saben nin a quen teñen que dirixirse”. De feito, no seu escrito en vez de instar á consellería competente nesta materia (a de Traballo e Benestar) fan esta reclamación diante da Consellería de Sanidade, que nada ten que ver no asunto.
COLABORACIÓN
Os alcaldes populares consideran que na mala época económica que estamos a vivir é máis necesario que nunca de que as administracións se coordinen e eviten duplicidades e trasladáronlle ao BNG que non lles molesta que a Deputación se una coa Xunta de Galicia para clarificar cuestións diferentes. Os rexedores do PP insisten en todo caso, que é totalmente falso que a Xunta deixe sen subvención para axuda no fogar aos concellos da nosa provincia e que poña en cuestión a súa viabilidade e a existencia.