PORTOS DE GALICIA PON EN FUNCIONAMENTO AS NOVAS INSTALACIÓNS NÁUTICO RECREATIVAS DO VICEDO, EN LUGO
As embarcacións poderán voltar ás súas prazas dende hoxe, unha vez rematadas as obras que permitiron incrementar o número de amarres de 72 a 136
Santiago, 1 de abril de 2012.- Portos de Galicia vén de comunicar aos usuarios das instalacións náutico recreativas do Vicedo, en Lugo, a posta en funcionamento dende o día de hoxe das novas infraestruturas, recentemente rematadas. Dende este momento, as embarcacións con base neste porto deportivo poderán volver a ocupar as súas prazas, unha vez rematadas as obras de ampliación.
Os traballo executados polo ente público consistiron na reubicación dos pantaláns naútico recreativos e a ampliación das prazas de amarre, pasando das 72 existentes ás 136 habilitadas dende hoxe. Así mesmo, realizouse a dragaxe da dársena ampliando o seu calado, para mellorar a operatividade. Finalmente recolocouse a escolleira existente.
A remodelación das instalacións náutico recreativas compatibilizouse coa mellora dos espazos destinados aos profesionais do sector pesqueiro. Deste xeito, abriuse unha escaleira de formigón nova para uso da confraría e instalouse unha grúa para a mobilización dos aparellos pesqueiros.
As obras foran solicitadas polos usuarios das antigas instalacións e o Concello do Vicedo. Para a súa execución foi preciso un investimento de 523.440 euros cofinanciado polo Consellería do Medio Rural e do Mar e Fondos Feder da Unión Europea.