ANTONIO VEIGA VISITOU AS OBRAS DE REMODELACIÓN DO PAVILLÓN DE DEPORTES DE RIBADEO
A Área de Deportes da Deputación inviste 2,5 millóns nunha actuación de reforma integral sobre unha infraestrutura deportiva que presentaba un estado lamentable
Veiga avanzou que “ao cumprirse os prazos, a fins do verán Ribadeo contará cun pavillón polideportivo moderno, versátil e totalmente equipado para a práctica de todos os deportes”
Ribadeo, 4 de abril de 2012. O vicepresidente da Deputación de Lugo e responsábel das Áreas de Benestar Social e Deporte, o nacionalista Antonio Veiga, xunto ao alcalde de Ribadeo, o tamén nacionalista Fernando Suárez, o concelleiro de Deportes, Vicente Castro, e técnicos redactores do proxecto de reforma do pavillón deportivo de Ribadeo, visitaron esta mañá o avance das obras de remodelación deste pavillón, obras que están sufragadas integramente pola Área de Deporte da Deputación de Lugo cun investimento de 2.5 millóns de euros a executar en tres anualidades, comezando no 2010 para rematar neste 2012, data en que será entregado o pavillón de xeito definitivo.
Esta visita coincide coa instalación da cuberta metálica de aceiro inoxidable do pavillón polideportivo, que xa vai moi avanzada, logo de que xa se fixesen as actuacións máis importantes no conxunto da estrutura e paredes, xa que hai que salientar que, segundo indicou Antonio Veiga “o estado do vello pavillón de Ribadeo, que data aproximadamente dos 60, era lamentable e presentaba deficiencias incluso de tipo estrutural que desaconsellaban e impedían que se aproveitase apenas nada máis que os vestiarios, tendo que optar por unha remodelación total que se achega case máis polos plantexamentos a unha nova construción”.
Antonio Veiga sinalou na súa intervención durante a visita ás obras do pavillón de Ribadeo que “estamos diante dunha mellora integral plantexada pola intensa demanda social e institucional do pobo de Ribadeo xa que o vello pavillón estaba en absoluto mal estado e non posuía nin as condicións mínimas para albergar a práctica deportiva. Como observamos e puidemos comprobar hoxe, as obras avanzan segundo os prazos previstos e todo apunta a que cara fins do verán os veciños e veciñas de Ribadeo poidan dispoñer do novo pavillón municipal totalmente remodelado e equipado para o seu uso”.
Pola súa banda, o alcalde de Ribadeo, Fernando Suárez, remarcou o carácter “necesario” desta actuación xa que “este pavillón para Ribadeo é moi importante debido a que o vello estaba en moi mal estado e ademais existía unha demanda por parte da poboación coa que cumprimos o noso compromiso grazas ao apoio da Área de Deporte da Vicepresidencia Primeira da Deputación que dirixe Antonio Veiga”.
As obras realizadas no pavillón de Ribadeo, que agora se atopan nun estado de execución que supera o 50%, aínda que se definiron como de reforma e ampliación, pode dicirse que se trata dunha remodelación integral xa que da antiga construción só se aproveitou a parte correspondente aos vestiarios (reformados máis recentemente), posto que a infraestrutura adoecía incluso de deficiencias estruturais que fixeron necesario reformala por completo.
A actuación plantexouse de cara a conseguir unha multifuncionalidade e polivalencia completa, con pistas de xogo que se adaptasen a calquera deporte de interior dos practicados habitualmente e que, ao mesmo tempo, fosen unhas instalacións que non requirisen dun manexo complicado nin de mantementos custosos e innecesarios. Ademais, a infraestrutura vai posuír unha serie de despachos moi útiles para empregar como lugar administrativo, ademais do propio Concello, por parte dos clubs e asociacións deportivas de Ribadeo, e tamén unha sala de xuntanzas. Dentro das partes de obrigada construción segundo a normativa vixente aplicable a instalacións deportivas está a esixencia de contar cun cuarto destinado a enfermería e primeiros auxilios, polo que o pavillón tamén contará cunha dependencia destinada a esta finalidade. Segundo tamén as normativas, o pavillón polideportivo contará cun ascensor, unha escaleira exterior de emerxencia e dous accesos diferenciados.
Xa no que se refire ao que son as obras de remodelación, como se comentou antes actuouse no conxunto da infraestrutura porque ao mesmo tempo ampliáronse as medidas e a capacidade do pavillón, adaptándose á normativa vixente sobre temas de capacidade, algo que se reflicte por exemplo no aumento do número de localidades para espectadores, que pasou de 360 prazas a 500 de aforo. A zona de gradas elevadas contará, como é o habitual nas infraestruturas modernas de recente construción, cunha superficie fixa máis outra parte de gradas móbiles retráctiles, que se poden recoller para empregar o espazo total da pista de xogo ou ben estirar cando o evento que se dispute requira da máxima capacidade para o público.
Na mesma liña de posibilidades que ofrecen as gradas retráctiles, o pavillón dispón de lonas colgantes practicables, de maneira que poden ser dispostas para facer divisións na pista cando as gradas están recollidas e así lograr 3 campos de xogo diferentes que poden ser empregados de xeito simultáneo, o que favorece que esta infraestrutura deportiva acolla un uso intensivo concentrado en horarios similares.
Segundo indicou o concelleiro de Deportes, Vicente Castro, “Ribadeo contará a fins do verán ademais de cunha infraestrutura deportiva moderna como ningunha e totalmente versátil, con todo o equipamento e material necesario para a práctica de todos os deportes que dentro do pavillón se poden realizar”.
FERNANDO SUÁREZ AGRADECEU O COMPROMISO QUE A DEPUTACIÓN DE LUGO ESTÁ A TER CO DEPORTE EN RIBADEO. O REXEDOR E ANTONIO VEIGA SUPERVISARON ESTA MAÑÁ AS OBRAS DE REFORMA DO PAVILLÓN POLIDEPORTIVO.
Ribadeo, 4 de abril de 2012. O alcalde, Fernando Suárez, agradeceu o compromiso que a Deputación de Lugo está a ter co deporte en Ribadeo. O rexedor e o vicepresidente da institución, Antonio Veiga, supervisaron esta mañá as obras de remodelación do pavillón polideportivo. Todo apunta a que estará listo a finais do verán.
Suárez Barcia explicou que “foi unha visita de supervisión do estado de execución das obras deste pavillón polideportivo de Ribadeo. Tivemos aquí ao vicepresidente da Deputación de Lugo, Antonio Veiga, porque grazas a esta institución estes traballos se están a levar adiante”.
O rexedor subliñou que “a nova instalación cubre unha defiencia grave e perigosa que tiñamos aquí en Ribadeo, dado que sobre este pavillón polideportivo vello tiñamos advertencias técnicas desde hai varios de que o seu estado estructural e de conservación era lamentable e debíamos pechalo, demolelo ou construir un novo, que é o que estamos a facer co apoio económico da Deputación de Lugo”.
O alcalde lembrou que “Ribadeo é un sitio onde o deporte base é moi importante. Hai un incipiente crecemento da diversificación deste deporte base e agardamos que esta nova infrestructura, que estará rematada no verán, cubra unhas necesidades moi importantes no ámbito do deporte, da calidade de vida, da saúde… Eu como alcalde e toda a Corporación estamos moi agradecidos da Deputación Provincial de Lugo do compromiso que en materia de deporte está a ter con Ribadeo a pesares das circunstancias económicas que todos estamos vivindo”.
Pola súa o vicepresidente da Deputación, Antonio Veiga, dixo que para esta institución “é sempre unha satisfacción ver como un proxecto que comezou aló polos anos 2009/10 vai tomando forma. Foi un proxecto que nos presentou o Concello de Ribadeo e que dará cabida a unha gran parte da mocidade non só de Ribadeo senón de toda A Mariña para a práctica do deporte. Isto é sempre un motivo de satisfacción”.
Veiga Outeiro sinalou que “o antigo pavillón estaba prácticamente inservible e unha de dúas ou se pechaba e se demolía e se construía un novo ou se facía unha reforma. O que estamos facendo agora é casi un pavillón novo e vendo como van discurrindo as obras e polos datos que temos a finais de verán todos os veciños e veciñas de Ribadeo poderán disfrutar desta instalación ubicada nun lugar inmellorable, no medio dunha zona dotacional, no medio da zona educativa e dunha zona de lecer importantísima. O Concello con isto completa un ciclo de instalacións deportivas que servirá para a práctica desas actividades”.
O vicepresidente engadiu que “queremos destacar desde Área de Deporte da Deputación que a Concellaría de Deportes de Ribadeo é unha das máis activas da zona e sabémolo polo número de modalidades e disciplinas deportivas que se practican aquí. Parabéns a todos os ribadenses e a todos os veciños e veciñas da comarca da Mariña, que tamén serán usuarios desta importante instalación”.
As obras de remodelación do pavillón polideportivo de Ribadeo están a supoñer un investimento de 2,5 millóns de euros.