Site icon Crónica3.com A Mariña

Representantes da Xunta e da corporación de Mondoñedo acordaron impulsar o tecido industrial

A COMISIÓN DE SEGUIMENTO MARCA EN MONDOÑEDO OS EIXOS ESTRATÉXICOS PARA IMPULSAR O TECIDO EMPRESARIAL DA ZONA

Na reunión da mesa na que participaron representantes da Consellería de Economía e Industria e da corporación sinaláronse como prioritarios para o desenvolvemento local o turismo, o aproveitamento forestal e o apoio aos emprendedores

A Consellería salientou a importancia das ferramentas que ofrece a Xunta a prol das empresas, facendo especial fincapé no Plan Impulsa Lugo

Mondoñedo, 13 de abril de 2012.- A comisión de seguimento de Mondoñedo acordou nunha reunión celebrada hoxe a folla de ruta para impulsar o tecido empresarial e industrial da zona, na que se sinalan como eixos estratéxicos para o desenvolvemento local o turismo, o aproveitamento dos recursos forestais e o apoio aos emprendedores.

No encontro estudáronse distintas posibilidades e medidas para apoiar o fortalecemento económico da zona centrándose nestes tres ámbitos e aproveitando os importantes recursos naturais e turísticos cos que conta. Para analizar e dar a coñecer estas posibilidades, realizaranse xornadas técnicas específicas centradas nestes eixos sinalados como prioritarios.

A celebración desta comisión de seguimento, que parte da iniciativa da Consellería de Economía e Industria tras a última visita do conselleiro, Javier Guerra, levouse a cabo no Concello e nela participaron representantes da Consellería e membros da corporación municipal, así como o propio alcalde.

Na reunión, os representantes da Consellería de Economía e Industria expuxeron as distintas ferramentas coas que conta para apoiar o emprendemento e o crecemento empresarial, e que están a disposición das empresas da zona e daquelas que estean dispostas a establecerse nela.

Neste sentido, destacan os novos apoios do Instituto Galego de Promoción Económica orientados a facilitar a internacionalización, a innovación e a competitividade das empresas galegas, xunto cos apoios de maior intensidade vinculados ao programa Impulsa Lugo, así como os fondos de capital risco de Xesgalicia.

Remitido

Exit mobile version