Site icon Crónica3.com A Mariña

Responsables de Axuda ao Enfermo Mental da Mariña e da Deputación visitaron a residencia que constrúen en Cervo

ANTONIO VEIGA VISITOU AS OBRAS DE CONSTRUCIÓN DA RESIDENCIA PARA PERSOAS CON ENFERMIDADES MENTAIS EN CERVO

A construción desta residencia e centro ocupacional conta cun investimento de 985.980 euros, dos que a Deputación aporta 225.000 euros

Veiga destacou o “compromiso da Área de Benestar coa atención e integración das persoas con calquera tipo de discapacidade”

Cervo, 17 de abril de 2012. O vicepresidente da Deputación de Lugo e responsábel das Áreas de Benestar Social e Deporte, o nacionalista Antonio Veiga, acompañado de Iris Castro, presidenta, e outros membros da directiva Asociación de Axuda ao Enfermo Mental da Mariña, o concelleiro do BNG en Cervo, Xoán Estua, e técnicos da empresa construtora, visitaron as obras de construción da residencia e centro ocupacional para persoas discapacitadas con enfermidade mental. Esta infraestrutura ten un investimento de 985.000 euros, dos que a Área de Benestar da Deputación aporta 225.000 euros en dúas anualidades (2011-12) a través dun convenio coa Asociación de Axuda ao Enfermo Mental da Mariña. Pola súa banda, a Consellería de Traballo faise responsable de máis da metade do investimento, aportando 561.000 euros, e os 199.980 euros restantes proveñen dos fondos europeos AGADER.

Os que hoxe visitaron as obras de construción desta residencia para persoas con enfermidades mentais puideron comprobar o bo ritmo que levan as mesmas, pois, a día de hoxe, xa está executado máis dun 65% do total da construción, polo que vai moi avanzada, pois xa se levaron a cabo as actuacións máis importantes no conxunto da estrutura de maneira que se verán cumpridos os prazos de execución establecidos cando se iniciou a edificación.

Con este novo espazo que se está creando en Cervo veranse beneficiados, como mínimo, 75 usuarios permanentes, o que supón un paso de xigante para a comarca no que a cubrir as necesidades de persoas con discapacidade mental se refire. Ademais dos beneficios que vai ofrecer a estas persoas, coa construción desta residencia e centro ocupacional, vanse crear varios postos de emprego directo, o que supón un dato moi positivo para A Mariña e o seu crecemento económico.

Coa colaboración da Deputación na construción desta residencia, queda demostrado, unha vez máis, o compromiso da Área de Benestar coa atención e a integración das persoas, neste caso concreto coas persoas con algún tipo de discapacidade, “en contraposición aos recortes en materia social que está a facer a Xunta de Galiza, que están incidindo de xeito directo en abrir a fenda da exclusión xusto no seo dos colectivos que máis necesitan a axuda en tempos de crise, polo que é inhumano que a Xunta de Galiza utilice a crise como coartada para levar a cabo políticas que aumentan as desigualdades na sociedade”, sinalou Veiga.

Remitido

Exit mobile version