Site icon Crónica3.com A Mariña

Unha delegación do goberno de Ortigueira visitou Cervo para coñecer o programa de compostaxe doméstica

Unha delegación do goberno de Ortigueira visitou Cervo para coñecer o programa de compostaxe doméstica

-O programa espertou o interese do Concello de Ortigueira, que viaxou ata o municipio cervense para interesarse polos detalles da iniciativa

-A delegación ortegana visitou tamén algúns dos fogares que xa practican a compostaxe a través dos elementos achegados polo Concello cervense

Cervo, 21 de abril de 2012-O alcalde de Ortigueira, Rafael Girón, e técnicos do Concello visitaron esta semana o municipio cervense co obxectivo de coñecer de primeira man o programa de compostaxe doméstica que leva a cabo o executivo local como unha das liñas estratéxicas en materia medioambiental.

O rexedor de Cervo, Alfonso Villares, e a edil de Medio Ambiente, Begoña Alonso, recibiron aos membros da delegación ortegana e encargáronse de explicarlles todos os detalles do programa, dende a adquisición de composteiros por parte do Concello ata a fase de seguimento na que se supervisa a boa utilización dos mesmos e se trata de coñecer os resultados que conseguen os usuarios con esta práctica.

Ademais de interesarse pola iniciativa e coñecer como se leva a cabo, o alcalde de Ortigueira e os seus acompañantes puideron comprobar directamente o desenvolvemento do programa, visitando algúns dos fogares que participan nel e falando con algunhas desas familias que lle sacan rendemento aos composteiros entregados polo Concello. “Estamos moi satisfeitos de que a nosa experiencia co programa de compostaxe doméstica poda ser de utilidade para outros concellos, como é o caso de Ortigueira” explica o alcalde cervense “e ao mesmo tempo alégranos saber que a compostaxe se vai convertendo cada vez máis nunha aposta de moitos municipios como o noso” engade Villares.

O programa de compostaxe doméstica do Concello de Cervo estendeu a práctica da conversión de residuos en materia orgánica a un total de 73 familias cervenses, que no seu momento solicitaron os composteiros. Hai unhas semanas facíase entrega da remesa máis recente, da que se beneficiaron 15 familias

Remitir

Exit mobile version