Site icon Crónica3.com A Mariña

¿Unha cultura banal?

UNHA CULTURA BANAL?


Inspiramos e expiramos, amamos e desamamos, bebemos e desbebemos, ying e yang, branco e negro, hipotecas e edéns, orquestras sinfónicas e martelos pneumáticos, berros e versos, baixamares e preamares, euforias e derrotas, altos e baixos, Helsinki e Tegucigalpa, a túa mirada de cordeiro degolado e os seus ollos de gata, Mourinho e Guardiola, os recordos e as esperanzas, a noite e o día, o silencio e a palabra, a Bolsa e a vida, cronopios e famas, os bos e os malos, apolíneos e dionisíacos…. Estou literario nesta mañanciña do sábado sabadete… pero vou falar de Cultura…ben si, non da cultura enciclopédica, e menos da que nos traen xuntas, concellos, deputacións e outras xentes de mal vivir, Quero falar da cultura real, de base, a que nos fai mais libres, mais cidadáns e mais persoas esteamos en Paris ou en calquera recuncho deste norte de Lugo.

Á recente publicación do libro de Vargas Llosa “A civilización do espectáculo” -o primeiro tras a concesión do Nobel-, publicáronse ultimamente numerosos artigos dedicados ao tan manoseado tema do significado e status da cultura, e en todos eles os termos descalificativos e as expresións apocalípticas non paran de sucederse.
Utilízanse termos como “decadencia”, “mercantilización” ou “vacuidade” para describir o estado actual da cultura, e con frecuencia fálase de “regreso á barbarie”, de “confusión da calidade coa cantidade”, cando non directamente de “apoloxía da ignorancia”.

Ante tales diagnósticos nada esperanzadores cabe adiantar dúas conclusións: (1) que a situación da cultura é paupérrima e desalentadora; e (2) que a inmensa maioría dos axentes implicados e expertos, ben na creación, ben na promoción de actividades culturais, é incapaz de albiscar a luz ao final do túnel.
A pesar de que o diagnóstico é unánime, cando se indagan os motivos que propiciaron esta alarmante crise cultural e as eventuais consecuencias para o conxunto da sociedade -que ninguén o dubide: a educación é un dos sectores máis damnificados desta crise-, as razóns xa non parecen ser tan claras nin evidentes.

Algúns apuntan á obsesión por converter todas as actividades culturais en diversión. É a chamada “cultura do entretemento”, que cita Vargas Llosa no seu libro, cultura cuxo único valor é o beneficio: “A cultura é diversión e o que non é divertido non é cultura”. Unha “cultura do entretemento” que concentra todos os seus esforzos en ofrecer un produto tan atractivo e suxestivo como fácil de esquecer.
Outros sinalan a imparable velocidade auspiciada polo auxe das novas tecnoloxías, que provocou unha nova forma de relacionarnos coa cultura. Os que cifran as causas do deterioro cultural neste acontecemento, denuncian que a pesar de que o acceso á información nunca foi tan sinxelo como na actualidade, dita accesibilidade non se traduciu nun aumento do coñecemento, e moito menos da cultura, entendendo por esta non só unha mera colección de saberes, senón tamén unha certa interpretación sobre a nosa “instalación” no mundo. A sociedade teledirixida, esa superabundancia de datos non só non contribuíu a mellorar os coñecementos e a sensibilidade da cidadanía, senón que en moitos casos deveu en “sub-información”.

Doutra banda, desde algúns sectores tamén se chama a atención sobre o feito de que esta banalización da cultura non debe separarse dunha indisimulada estratexia política que consiste no adoutrinamento dunha cidadanía acrítica e pasiva cuxas inquietudes non pasan do vello adaxio latino “panem et circenses”.

Con todo, quizais non resulte ocioso nin superficial engadir a estes debates un máis que recomendable exercicio de autocrítica, a entoación dun mea culpa colectivo que nos recorde a nosa responsabilidade neste asunto. Somos nós, os habitantes desta “Aldea Global” na que se converteu o mundo, os que consumimos eses produtos culturais que logo criticamos e aborrecemos, os que contribuímos coa nosa atención e o noso diñeiro a engraxar a diabólica maquinaria da que nos queixamos.

Otero Regal

Exit mobile version