Unha expedición de 22 alumnos de 4º ESO partiron a Londres durante a ponte das Letras Galegas acompañados polos eu profesor de Inglés Antonio Galdo.
APRENDIZAXE “MODELO BURELA”… EN LONDRES
“Era a primeira vez que ía en avión, mais non tiña medo” -afirma unha moza na memoria didáctica. “O avión é un medio de transporte moi seguro”. E continúa: “Despegar foi emocionante… e voar tamén, mais a viaxe fíxose curta.
Do aeroporto ao hotel fomos en bus. Tardamos pouco en chegar. Despois de deixar as maletas e descansar un pouco, fomos á estación do metro. Antes de entrar nela, compramos a cea nun supermercado e comezamos a descoberta da cidade. Baixamos na estación de Leicester Square e camiñamos até Picadilly St. Alí deixáronnos tempo libre para explorar o lugar. Era incrible: xente por un lado e por outro, moitos comercios, bares, cafés, cinemas enormes, casinos, discotecas… todiño como nas películas”. Estas vivencias do Día das Nosas Letras serían o preludio do que viría nos días seguintes coas visitas á Torre de Londres, a ponte sobre o Támesis, ao Teatro de Shakespeare ou ao Big Ben. Aínda que, co paso do tempo, as forzas fraqueaban, ao tempo que aparecían vexigas nos pés, a expedición galega visitou tamén a Abadía de Westminster, a Leicester Square, o Museo Británico e o Backinghan Palace. Como enfatiza a privilexiada cronista, “non todo foi visitar museos; tamén estivemos nos parques. Démoslles de comer aos parrulos, como facía moita xente. Chamoume moito a atención a situación económica do país. Era todo carísimo, incluso na zona de China Town, que nos decepcionou un pouco. Esperábamola máis pintoresca e resultounos bastante normaliña.
Cinco días máis tarde, a expedición emprendeu o camiño de volta. Docentes e alumnado traían en si multitude de vivencias positivas e atesouraban fotografías, facturas e incluso folletos publicitarios para certificar que a experiencia fora real.
Agora esa documentación gráfica pode verse nunha fermosa exposición que está aberta ao público no Instituto Perdouro. Unha mostra máis da metodoloxía didáctica “Modelo Burela”.