Site icon Crónica3.com A Mariña

867 persoas compiten por 24 prazas temporais de bolseiros que serán remunerados con 700 euros

867 persoas aspiran hoxe ás novas bolsas de emprego da Deputación para formar guías especializados nas Reservas

– O proceso de selección arrancou cunha proba tipo test de media hora de duración, que tivo lugar no Pazo de Feiras e Congresos. Os aspirantes que superen este primeiro exame pasarán á segunda e última fase, que consistirá nunha entrevista persoal

– Os 24 beneficiarios das becas recibirán 145 horas de formación a custe cero, que iniciarán en maio, e logo traballarán como bolseiros entre xuño e setembro cunha remuneración neta mensual de 700 euros

– Desenvolverán actividades recreativas, culturais, divulgativas e de concienciación, ademais de recompilar información de interese sobre as Reservas, co obxectivo de fomentar a economía medioambiental e un turismo sostible e de calidade

A Deputación de Lugo recibiu 867 solicitudes de persoas de toda Galicia e mesmo de fóra da comunidade para participar no programa de bolsas de emprego a través do que o organismo provincial formará a 24 persoas como guías medioambientais especializados nas Reservas da Biosfera Terras do Miño e Os Ancares Lucenses. A institución luguesa iniciou este martes o proceso de selección dos aspirantes cunha proba tipo test de media hora de duración, que tivo lugar no Salón de Actos do Pazo de Feiras e Congresos de Lugo e coa que avaliará os coñecementos relativos á temática do proxecto. Debido á gran cantidade de solicitudes recibidas nos 7 días que durou o prazo de inscrición, os aspirantes dividíronse en tres grupos: 269 estaban citados ás 10:30 horas; 266 ás 11:45 horas e, por último, 332, ás 13:30 horas.

As persoas que superen este primeiro exame serán convocadas ó longo desta semana e da próxima á segunda e última fase do proceso de selección, consistente nunha entrevista persoal, que terá como finalidade apreciar o grao de interese, madurez e dominio dos coñecementos, ademais da formación acreditada no currículo, en relación coas prácticas a realizar.

Haberá 12 bolseiros por cada Reserva e o proxecto estrutúrase en dous piares:

– En primeiro lugar, os beneficiarios recibirán 145 horas de formación a custe cero, que iniciarán antes de acabar este mes, como monitores guías das Reservas Terras do Miño e Os Ancares. Segundo os prezos de mercado, unha persoa a título individual tería que pagar 900 euros por recibir este tipo de ensinanzas.

– En segundo lugar, os participantes farán prácticas remuneradas durante 4 meses, entre xuño e setembro. Cada un dos bolseiros percibirá unha remuneración neta de 700 euros ó mes. Neste período, realizarán diversas actividades recreativas, culturais, divulgativas e de sensibilización no territorio das Reservas co obxectivo de fomentar a economía medioambiental e un turismo sostible e de calidade. Así mesmo, recompilarán todo tipo información de interese sobre estes espazos, que será incorporada ó navegador xeográfico www.delugo.org A Deputación puxo en marcha este Google medioambiental das Reservas da Biosfera a principios do pasado ano con fondos europeos de Lug02. O portal web permite ó usuario navegar por un mapa da provincia, obtendo información sobre que visitar, onde comer ou aloxarse e ofertas de lecer dos lugares que lle interesen. No momento da súa presentación, o organismo provincial avanzou que este navegador xeográfico estaría en constante cambio e innovación, de xeito que ós contidos iniciais se irían sumando progresivamente outros de utilidade para o cidadán. Co programa de guías medioambientais fai que esa continua actualización de contidos sexa posible.

A oportunidade económica da provincia

O programa de guías medioambientais da Deputación ten como obxectivos fundamentais consolidar o medio ambiente como unha oportunidade económica de futuro para a provincia, capaz de xerar emprego e fixar poboación, e dinamizar o mercado laboral. O proxecto desenvólvese a través do convenio que a Deputación ten asinado co Ministerio de Medio Ambiente para impulsar as Reservas Terras do Miño e Os Ancares. Deste xeito, o departamento estatal financia o 66% do plan de bolsas de emprego, que está dotado con 141.600 euros.

Exit mobile version