Site icon Crónica3.com A Mariña

A Casa do Mar de Ribadeo acollerá a Casa da Música tras cederlle o Estado unha parte ao concello

O ESTADO ACABA DE CEDERLLE AO CONCELLO DE RIBADEO A PARTE DO EDIFICIO DA CASA DO MAR QUE OCUPABA A XUNTA. FERNANDO SUÁREZ AGARDA QUE EN POUCO TEMPO ESE INMOBLE SE CONVERTA NA CASA DA MÚSICA. SERÁ CANDO ABANDOEN ESAS DEPENDENCIAS CAPITANÍA MARÍTIMA E O ISM.

Ribadeo, 3 de maio de 2012. A Tesorería General de la Seguridad Social ven de cederlle ao Concello de Ribadeo a parte do edificio da Casa do Mar que ocupaba a Xunta. O alcalde, Fernando Suárez, amósase satisfeito e agarda que en pouco tempo, coa saída dese inmoble da Capitanía Marítima e do ISM, a Casa do Mar poida converterse en Casa da Música.

O rexedor referíuse “a esta petición que temos feito desde hai xa bastante tempo para que a Casa do Mar pase a ser finalmente municipal, como o foi nun principio ata o ano 1979 en que o Concello a cedeu para un centro de saúde. É evidente que desde entón as circunstancias cambiaron moito, o centro de saúde está xa noutro lugar desde hai moito tempo, pero o patrimonio dese edificio figura a nome do estado”.

Suárez Barcia lembrou que “desde hai tres anos tentamos que se nos vaian devolvendo paseniñamente partes dese edificio da Casa do Mar. E acábannos de conceder a cesión da parte que ocupaba a Xunta de Galicia, que se foi de aí hai algúns meses, e agora a Tesorería General de la Seguridad Social acaba de facernos esa cesión”. O alcalde de Ribadeo explicou que “Capitanía Marítima abandoará nuns meses este edificio para irse ao antigo faro na avenida de Calvo-Sotelo, e tan só quedarían aí as dependencias do Instituto Social da Marina, que tamén depende do goberno estatal, e unha vez que esta parte estivese fora deste edificio, que non de Ribadeo, o Concello podería levar adiante o proxecto de converter a Casa do Mar en Casa da Música”.

Fernando Suárez dixo que “hai que ter en conta que desde hai xa prácticamente 20 anos a Casa do Mar é a sede da Escola Municipal de Música e Danza de Ribadeo, e o sitio que ocupan está totalmente constreñido, é unha especie de lata de sardiñas e precisamos máis espazo en todo edificio non só para a EMMeD senón para outras circunstancias musicais e culturais como pode ser a Coral Polifónica de Ribadeo”. O rexedor ribadense considera que “esta cesión, que non ten ningún custe para o Concello, implicará que o Concello levará tamén a xestión do salón de actos da Casa do Mar. E esperamos que dentro de pouco tempo coa saída deste edificio do ISM, insisto que non de Ribadeo dado que lles temos ofrecido algún local no Concello, todo o inmoble sexa de titularidade municipal”.

Peprich

Por outra banda, hoxe hai xuntanza no Concello de Ribadeo da comisión de urbanismo para afondar na elaboración do PEPRICH (Plan Especial de Protección e Reforma Interior do conxunto histórico de Ribadeo). O alcalde, Fernando Suárez, asegura que “unha vez máis, ao igual que aconteceu co PXOM, todos os grupos traballaremos para sacar adiante este documento”.

Remitido

Exit mobile version