RAQUEL ARIAS PARTICIPA NO CEIP DE SAN MIGUEL DE REINANTE NO DESENVOLVEMENTO DO PROGRAMA SOBRE XOGOS POPULARES QUE PROMOVE A SECRETARÍA XERAL PARA O DEPORTE
A delegada territorial visitou as instalacións do centro, no que revisou tamén as as obras realizadas para adecuación e modernización da zona do patio escolar
Acompañada polo alcalde da localidade, Alfonso Fuente Parga, compartiu tempo cos escolares que disfrutaban das actividades de xogos populares, incluídas dentro do programa Xogade, e que pretenden “fomentar entre os rapaces o coñecemento e a práctica dos xogos tradicionais, especialmente nos de orixe galega ou moi arraigados na nosa comunidade”, segundo apuntou Arias.
A través desta iniciativa, a Secretaría Xeral para o Deporte proporciona aos centros educativos unha hucha co material necesario así como fichas e paneis explicativos; os xogos que propón son, entre outros, o pano, o aro, a goma, buxainas e bailaretes, tiro de corda, chapas, a chave ou a mariola.
A delegada destacou que o valor pedagóxico dos xogos tradicionais, que son “un elemento cultural de gran valor social” pero caeron no olvido “debido, entre outros motivos, á ruptura da transmisión interxeracional e á competencia dos xogos de base tecnolóxica”.
“A escola –engadiu- debe cumprir unha función de transmisión social de elementos culturais, polo que tamén pode e debe contribuír á permanencia, valoración e posta en actualidade do noso patrimonio lúdico”
A delegada tivo ocasión de ver no CEIP San Miguel de Reinante o conxunto de paneis informativos, as fichas e os materiais destinados aos xogos, cos que os rapaces e o profesorado se exercitaron durante a visita.
Raquel Arias indicou que a través de iniciativas como esta, o programa Xogade pretende tamén “un achegamento do colectivo escolar aos recursos deportivos dispoñibles no seu contorno, tamén no eido das disciplinas máis tradicionais, ofrecéndolles aos rapaces unha alternativa de ocupación para o seu tempo de lecer”.
Mellora das instalacións
Arias comprobou tamén durante a visita as obras realizadas na zona do patio do devandito colexio de Reinante. Acompañada polo rexedor municipal, a representante do Executivo galego revisou as tarefas de modernización acometidas no patio, no que ao longo dos últimos meses se procedeu a urbanización do entorno, realizando unha nova pavimentación do firme, e procedendo á mellora do saneamento.
En total, as obras supuxeron un investimento por parte do departamento de Educación de 15.500 euros. A delegada territorial asegurou ao respecto que, dende a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria se seguirá traballando para que “a oferta educativa pública na provincia sexa o máis completa posible, é para iso trabállase para dotar aos centros do equipamento necesario, optimizando os recursos públicos”.