RAQUEL ARIAS EXPLICOU AOS VECIÑOS DE CANGAS DE FOZ O PROXECTO DE CONSTRUCIÓN DE BEIRARRÚAS NA TRAVESÍA DA LU-160, QUE SE LICITA MAÑÁ
A delegada territorial comunicou que a Xunta inviste 236.000 euros neste proxecto, que completa as actuacións de mellora realizadas recentemente na vía por un importe próximo aos 2 millóns de euros
Arias explicou que a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas construirá beirarrúas en ambas marxes ao longo de 515 metros do tramo urbano da vía, que conecta Cangas con Ferreira de Valadouro, de xeito que a actuación contribuirá sensiblemente a mellorar a seguridade viaria na localidade.
A delegada lembrou que se trata dunha vía de conexión da comarca da Mariña que rexistra elevadas densidades de tráfico, estimándose que o radio de poboación beneficiada –de Foz e os concellos do entorno- supera os 26.000 habitantes.
Esta actuación, que desenvolve a Axencia Galega de Infraestruturas, ven a completar as obras de mellora realizadas hai uns meses e que consistiron na rehabilitación do firme da estrada, sinalización, balizamento e mellora dos sistemas de contención. Estas obras alcanzaron un investimento de 1.913.385,64 euros.
No encontro cos veciños e posterior visita á zona, Raquel Arias estivo acompañada polo alcalde de Foz, Jorge Castiñeira, e Carlos Escudero, enxeñeiro da Delegación Territorial responsable da redacción do proxecto.
Durante a xuntanza, que tivo lugar no centro sociocultural de Cangas de Foz, Arias explicou a entidade dos traballos incluídos neste novo proxecto, que foron solicitados polo alcalde e demandados polos habitantes da localidade debido ao tránsito que rexistra a travesía, tanto de vehículos como peonil.
Características técnicas
As obras serán licitadas no Diario Oficial de Galicia mañá, venres. Tras da adxudicación, contarán cun prazo de execución de tres meses.
Ademais da construción de beirarrúas, o proxecto contempla a disposición dunha rede de pluviais en cada marxe da estrada, mediante tubos de PVC de 400 mm de diámetro, conectándoas coas redes existentes para o desaugue. Ao longo dos tramos, disporanse pozos de rexistro de cada 60 metros e sumidoiros sifónicos cada 30 metros, para poder evacuar a auga procedente da calzada.
Pola súa banda, as beirarrúas construiranse con baldosa hidráulica de 30×30 centímetros, sobre mortero, formigón e zahorra artificial, con bordillo de formigón bicapa.