Site icon Crónica3.com A Mariña

A Deputación anuncia que adicará 200 mil euros para un programa de igualdade

VEIGA ANUNCIA O INVESTIMENTO DE 200.000 EUROS PARA LEVAR A CABO O PROGRAMA DE IGUALDADE “TEMPOS DE MULLER”

“Tempos de Muller” consistirá nun programa de dinamización social no campo da igualdade de oportunidades que se levará a cabo nos concellos lucenses de menos de 5.000 habitantes

En contraposición, Antonio Veiga criticou á Xunta de Galiza pola “continuación do desmantelamento das áreas sanitarias da Mariña e Monforte co Plan de Ordenación de Recursos Humanos do SERGAS do 18 de maio”

Lugo, 25 de maio de 2012. O vicepresidente da Deputación de Lugo e responsábel das Áreas de Benestar Social, Deporte, Igualdade e Mocidade, o nacionalista Antonio Veiga, na rolda de prensa de hoxe posterior á Xunta de Goberno, anunciou que se “aprobou o investimento de 200.000 euros para levar a cabo o programa de igualdade “Tempos de Muller” que consistirá nun programa de dinamización social no campo da igualdade de oportunidades que se levará a cabo nos concellos lucenses de menos de 5.000 habitantes”.

Segundo explicou Antonio Veiga, este programa vai permitir “reducir a fenda das desigualdades sociais entre as mulleres, as persoas maiores e nenos e nenas das zonas rurais fronte ás urbanas, levando a cabo accións de dinamización social que afonden no benestar das persoas, contribuíndo para logralo a que se faga efectivo o principio de igualdade de oportunidades para todas as persoas, a participación da muller, da terceira idade, dos nenos e nenas e das persoas con discapacidade. Nesta liña, o programa pode verse como unha continuación ou aprofundamento do programa xa levado a cabo “Todos a Xogar”, que se avaliou de xeito extraordinario xa que conseguiu acadar todos os obxectivos que perseguía, chegando a cada recuncho dos nosos pobos e vilas para promover a actividade física e a socialización da nosa xente”.

Por outra banda, Veiga informou de que se aprobaron as bases que regularán as subvencións en concorrencia competitiva para deportistas individuais para o cal se destinarán 70.000 euros. Segundo explicou Antonio Veiga, esta convocatoria de bolsas ten como finalidade “apoiar a deportistas que compiten de xeito federado en modalidades individuais e non poden acceder a outro tipo de convocatorias desta institución xa que se accede mediante equipos nas outras liñas que mantemos de apoio”. Antonio Veiga explicou que se abren catro liñas de concorrencia en función da idade (A) até os 16 anos –dotada con 25.000 euros; B) de 17 anos a 25 anos –dotada con 32.000 euros por ser o rango onde se concentran o maior número de solicitudes; C) maiores de 25 anos –dotada con 9.000 euros; e D) deportistas con algún tipo de casuística especial ou excepción, coma o feito de sufrir unha lesión en 2011 pero avalados por unha traxectoria ou deportistas con discapacidade, que contará con 4.000 euros. A cantidade máxima que poderá recibir cada deportista será de 2000 euros. Veiga lembrou que “desde a Área de Deportes mantivemos o investimento do ano pasado, igual que non se recortou ningunha liña de axudas con respecto ao ano pasado, e tamén hai que lembrar a importancia destas axudas que o ano pasado beneficiaron a 150 deportistas lucenses, o que é unha cifra nada pequena e que se pode considerar moi positiva” e que nos próximos días sairá a convocatoria oficial publicada no BOP, a partir do que xa se poderán presentar as solicitudes no prazo dun mes.

Por outra banda, fóra dos asuntos da Xunta de Goberno, Veiga criticou á Xunta de Galiza pola “continuación do desmantelamento das áreas sanitarias da Mariña e Monforte co Plan de Ordenación de Recursos Humanos do SERGAS do 18 de maio, xa que non é nada claro na súa definición sobre o modelo de estrutura e xestión das tres áreas sanitarias de Lugo e desde o BNG imos estar alerta diante dos calculados intentos de colar pola porta falsa o modelo de xestión integrada que toda a cidadanía protesta, como non hai máis que ver as plataformas en defensa da sanidade pública organizadas en Monforte de Lemos e A Mariña”.

Neste sentido, Veiga afirmou que “a Xunta está a xerar confusión coa redacción desta orde xa que as xerencias ou son propias de cada área ou simplifícase nunha provincial con xestión integrada pero non as dúas cousas á vez”. Veiga deixou claro que “as mobilizacións sociais na comarca da Mariña e Monforte foron quen de parar o Decreto de Xestión Integrada xa aplicado en Pontevedra, Ourense e A Coruña” e alertou sobre as intencións da Xunta de “intentar meter pola porta de atrás este modelo no que se continúa insistindo mesmamente nesta orde.”

Veiga lembrou que “no Plan de Ordenación de Recursos Humanos do SERGAS insístese na mobilidade do persoal dun centros hospitalarios a outros e tamén entre áreas sanitarias en función das necesidades asistenciais polo que detrás dos profesionais van os servizos e detrás dos servizos van os e as doentes, e non podemos consentir que no canto de mellorar as nosas infraestruturas e servizos sanitarios poidamos perder o que xa temos”.

Exit mobile version