A Deputación dota de novos servizos a 2.000 veciños de Lourenzá e A Pontenova, aforrando custes ós Concellos
– Besteiro cumpre cos 1.300 veciños do Val de Lourenzá, construíndo o depósito de agua contra incendios que viñan demandando e que o Concello non puido asumir
– As melloras na ponte de Salmeán, que une Vilaboa e Vilaobriz, permiten agora o paso de vehículos de mercancías e de gando ó ensanchar a calzada en 1 metro
2.000 veciños de Lourenzá e A Pontenova son os beneficiarios directos das últimas actuacións que executa a Deputación de Lugo en ditos Concellos, achegando para elo 40.000 euros, que aforra ás arcas municipais.
Con este proxecto, dotado de 19.000 euros, o Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, cumpre coa palabra dada os veciños da zona, que viñan demandando esta actuación e que o Concello non puido asumir. En 2 meses a institución rematará estes traballos cuxo inicio estivo á espera de recibir o preceptivo permiso da Confederación Hidrográfica do Norte (CHN) para a captación de auga do río Baos, de onde se nutrirá este depósito.
Na Pontenova, o organismo provincial vén de finalizar as obras de mellora da ponte de Salmeán, unha infraestrutura que fai de nexo das parroquias de Vilaboa e Vilaobriz, que suman 600 habitantes, usuarios habituais desta ponte. As obras consistiron na colocación de novas barandas e na mellora da calzada con formigón, así como o seu ensanche en 1 metro. Estas actuacións posibilitan agora o paso a vehículos de mercancías ou de traballos do campo. A Deputación investiu nestas obras de caracter municipal 18.800 euros, que aforrou ó Concello.