Con esta cita deportiva, a Fundación Imdecum réndelle homenaxe a Rodrigo Maseda Lozano, un exemplo de valentía, solidariedade e xenerosidade
Antonio Veiga destacou que “estes son os eventos que a medio e longo prazo lle van dar un importante sustento ao deporte, porque non nos queda outro camiño que apoiar aos que sempre estiveron facendo deporte, xa desde categorías inferiores”
Burela, 14 de maio de 2012. O vicepresidente da Deputación de Lugo e responsábel das Áreas de Benestar Social e Deporte, o nacionalista Antonio Veiga, participou na tarde de hoxe na presentación do I Torneo de Fútbol Sala de Base Fundación Imdecum “Memorial Rodrigo Maseda”, que se celebrou no Salón de Plenos do Concello de Burela. Ao acto tamén asistiron o presidente da fundación, Marcelino Luna; o vicepresidente, Manuel Blanco; o alcalde de Burela, José María González Barcia; así como familiares do homenaxeado, Rodrigo Maseda. Con esta cita deportiva que traballará por posicionarse como referencia no fútbol sala de base, a Fundación Imdecum réndelle homenaxe a un mariñán exemplar, Rodrigo Maseda Lozano, un exemplo de valentía, solidariedade e xenerosidade, un héroe que simboliza os verdadeiros valores humanos para o presente e o futuro da sociedade.
Este torneo de fútbol sala de base vaise celebrar os días 6, 7 e 8 de xullo, con distintos partidos nos pavillóns de A Veiga, en San Cibrao; Monte Castelo e Vista Alegre, en Burela; e no de Marzán, en Foz. A competición establecerase a través do sistema de fase de grupos e fase final en distintas categorías: benxamín, alevín, infantil e cadete. Os interesados en participar teñen de prazo para inscribirse ata o 20 de xuño na Fundación Imdecum, tanto por correo electrónico (contacto@fundacionimdecum.org) ou por teléfono, nos números: 982580951 ou 670321857.
Haberá trofeos para o campión, subcampión e terceiro clasificado; para o mellor xogador, o máximo goleador, así como para o equipo máis deportivo de cada categoría. Así mesmo, os membros dos equipos participantes no torneo terán á súa dispoñibilidade, con carácter gratuito, a piscina municipal en San Cibrao, o campo de fútbol, pistas de tenis e pádel en Burela, así como visitas ao barco-museo Reina del Carmen no peirao burelao. Tamén terán acceso a zona de xogos e videoxogos en Vista Alegre.
Na súa intervención, Antonio Veiga felicitou á Fundación Imdecum e ao Burela FS pola súa labor e por seguir apostando pola formación dos deportistas e destacou que “estes son os eventos que a medio e longo prazo lle van dar un importante sustento ao deporte, porque non nos queda outro camiño que apoiar aos que sempre estiveron facendo deporte, dende categorías inferiores, xa que esas categorías son as que van manter os clubs, e por aí e por onde teñen que ir todas as políticas e as liñas de axuda.
A FUNDACIÓN IMDECUM PRESENTA O TORNEO DE FÚTBOL SALA DE BASE FUNDACIÓN IMDECUM “MEMORIAL RODRIGO MASEDA LOZANO”
Burela, 14 de maio de 2012. A Fundación Imdecum (Impulso ao Deporte, Cultura e Turismo na Mariña) presentou esta tarde o Torneo de Fútbol Sala Base Fundación Imdecum ‘Memorial Rodrigo Maseda Lozano’. O salón de plenos do consistorio burelao acolleu o acto, no que o presidente e o vicepresidente da fundación, Marcelino Luna e Manuel Blanco, así como o vicepresidente da Deputación de Lugo, Antonio Veiga, e o alcalde de Burela, José María González Barcia, tiveron o privilexio de estar acompañados pola familia do homenaxeado. Con esta cita deportiva que traballará por posicionarse como referencia no fútbol sala de base dende a súa primeira edición entre o 6, 7 e 8 de xullo, a Fundación Imdecum réndelle homenaxe ao mozo policía burelao falecido en acto de servizo a finais do mes de xaneiro na praia coruñesa do Orzán.
Marcelino Luna destacou “o orgullo e honra da Fundación de poder organizar un evento que co nome de Rodrigo Maseda, unha persoa que simboliza os verdadeiros valores para o presente e futuro da sociedade, un modelo para todos, pero sobre todo para os máis novos” e trasmitiu o agradecemento á familia Maseda pola súa predisposición e enteireza.
Isabel Lozano agradeceu xunto ao seu marido e o seu fillo, José Ramón e Jose Maseda, o cariño e recoñecemento amosado e a iniciativa de Imdecum para manter o recordo do seu fillo Rodrigo: “Era un rapaz formal, íntegro e ao que sempre lle gustou e practicou deporte; a súa maneira de vivir debe ser un exemplo para todos”.
Pola súa banda, José María González Barcia realzou a figura do homenaxeado. “Rodrigo sempre representará uns valores de compromiso e comportamento que deber servir de modelo para a xuventude. A vila de Burela lembrará xeración tras xeración o loable labor do noso veciño” dixo o alcalde burelao. Así mesmo na súa intervención, Antonio Veiga felicitou a Fundación Imdecum polo seu labor e por seguir apostando pola formación dos deportistas e destacou que “estes son os eventos que a medio e longo prazo lle van dar un importante sustento ao deporte, porque non nos queda outro camiño que apoiar aos que sempre estiveron facendo deporte” e destacou “o legado que nos deixa Rodrigo é unha forza e orgullo que debemos transmitir aos nenos”.
Coa colaboración da Vicepresidencia Primeira da Deputación de Lugo, a Federación Galega de Fútbol, os Concellos de Burela, Cervo e Foz e o CD Burela FS, o ‘Memorial Rodrigo Maseda Lozano’ reunirá na Mariña o fútbol sala de base a comezos de xullo, nunha competición con sede nos pavillóns de A Veiga (San Cibra), Monte Castelo (Burela), Vista Alegre (Burela) e Marzán (Foz). O torneo establecerase a través do sistema de fase de grupos e fase final en catro categorías: benxamín, alevín, infantil e cadete. Os interesados en participar poden inscribirse ata o 20 de xuño na Fundación Imdecum; recibirán toda a información a través do correo electrónico contacto@fundacionimdecum.org ou por teléfono, nos números 982580951 ou 670321857.