Site icon Crónica3.com A Mariña

A Deputación só acerta cando rectifica

A Deputación só acerta cando rectifica

A reedición do Goberno bipartito da Deputación de Lugo entre as dúas formacións políticas que perderon as eleccións auguraba a nada disimulada intención de PSOE e BNG de empregar o organismo provincial non como unha administración ao servizo dos lucenses -e especialmente dos concellos máis pequenos-, senón como un instrumento de confrontación constante e conflito político coa Xunta e co Goberno central, polo simple feito de estar xestionados polo Partido Popular.

Vémolo en materia de servizos sociais, quizá un ámbito que pola súa transcendencia e pola importancia e circunstancias particulares dos beneficiarios das prestacións de benestar -persoas maiores e dependentes- debera estar fóra de todo conflito partidista sobre todo cando, como neste caso, ofrecer mensaxes alarmantes ou incluso pretender enganar aos usuarios con falsas alertas asegurando que se poñía en risco a continuidade dos servizos sociais resulta especialmente rexeitable.

Desde o Partido Popular sempre sostivemos que o que tiña que facer a Deputación de Lugo era cumprir a lei: a Lei de Servizos Sociais que aprobaron eles mesmos, en 2008, desde o Goberno bipartito da Xunta. Curiosamente socialistas e nacionalistas que, co seu voto, sacaban adiante o novo texto lexislativo, anos despois, pretendían converterse nunha administración insumisa, pretendían negarse a aplicar a súa propia lei que, con intención de colaborar, distribuía as competencias das distintas administracións no financiamento e apoio dos servizos sociais municipais.

Os populares sempre dixemos que a Xunta cumpriría ao máximo coas súas obrigas porque é a primeira administración interesada en garantir un servizos de benestar de calidade. Porque a pesar dos momentos de crise e axustes orzamentarios, a súa prioridade é blindar os servizos sociais. Será a Consellería de Traballo e Benestar quen financiará a axuda no fogar das persoas dependentes e os traballadores sociais de absolutamente todos os concellos, independentemente do número de habitantes que teñan. A Deputación, pola contra, aplicando esta mesma lei e o decreto que a desenvolve, ten a obriga de apoiar técnica, económica e xuridicamente aos concellos máis pequenos no tocante ao servizos de axuda no fogar básico, isto é, os que atenden a persoas maiores non dependentes.

Por fortuna en días pasados a Deputación lucense anunciou a súa intención de rectificar esta decisión tan errada pola que pretendían deixar abandonados ás persoas beneficiarias do servizos de axuda no fogar básico na maioría dos concellos da provincia, incumprindo a súa propia lei. Están a facelo como resultado da presión do Partido Popular e da inmensa maioría de alcaldes que lles esixían que cumpriran coas súas obrigas e se deixaran de enfrontamentos. Só cómpre lamentar que na súa rectificación sigan a demostrar o sectarismo político que parece innato no bipartito provincial e en vez de reducir en gastos superfluos ou propaganda decidan retirar fondos da construción dun polideportivo en Portomarín, concello gobernado polo PP. Con todo, parece ser que agora a Deputación si porá a parte que lle corresponde no financiamento dos servizos sociais municipais. Cos seus feitos demostran que o Goberno bipartito provincial só acerta cando rectifica.

Jose Manuel Balseiro Orol, Secretario da Mesa do Parlamento e deputado

Exit mobile version