Site icon Crónica3.com A Mariña

A Deputación urxe á Xunta a colaborar cos concellos de menos de 20 mil habitantes en materia de benestar

VEIGA ESIXE Á XUNTA QUE CUMPRA COS CONCELLOS LUCENSES EN MATERIA DE BENESTAR

Veiga afirmou que “non estamos dispostos a tolerar máis embustes da Xunta de Galiza destinados a eludir as responsabilidades en materia orzamentaria dos servizos sociais”

O vicepresidente da Deputación lembra que “aínda estamos agardando unha resposta da conselleira para tratar o financiamento do SAF nos concellos menores de 20.000 habitantes”

Lugo, 14 de maio de 2012. Esta mañá, o vicepresidente da Deputación de Lugo e responsábel da Área de Benestar Social da mesma, o nacionalista Antonio Veiga, urxiu “á Xunta de Galiza a colaborar cos concellos lucenses de menos de 20.000 habitantes en materia de benestar social porque non estamos dispostos a tolerar máis embustes da Xunta de Galiza destinados a eludir as súas responsabilidades en materia orzamentaria nos servizos sociais”. Veiga lembrou que “aínda seguimos agardando por unha resposta da conselleira de Traballo e Benestar para dar solución a un problema que afecta a milleiros de lucenses”.

Veiga preguntou se “que foi o que cambiou para o financiamento dos servizos sociais, que normativa mudou se aquela á que se refiren e constitúe o actual marco normativo é de 2008, para que a Xunta pasase de dar 1.100.000 euros en 2010, 440.000 en 2011, e cero euros neste ano para o financiamento do servizo de axuda no fogar nos concellos lucenses? Porque se collemos a orde do 3 de marzo de 2011, publicada no DOG do 29 de marzo de 2011, que rexe as bases das subvencións para o cofinanciamento dos servizos sociais aos concellos por parte da Xunta, lemos claramente no seu preámbulo como “o Estatuto de autonomía de Galiza no seu artigo 27º.23, atribúelle á comunidade autónoma competencia exclusiva en materia de asistencia social, en consonancia coa habilitación competencial outorgada ás comunidades autónomas polo artigo 148º.1.20 da Constitución española”. Veiga preguntase entón se “está a Xunta a faltar á legalidade cando en nesa orde afirma que ‘a Lei 13/2008, do 3 de decembro, de servizos sociais de Galicia establece, no seu artigo 53º, que nos orzamentos xerais da comunidade autónoma se consignarán as cantidades necesarias para facer fronte ao cumprimento dos gastos derivados do exercicio das competencias da Xunta de Galicia en materia de servizos sociais, así como á súa participación no financiamento de servizos, programas e prestacións do sistema’? Isto é o que a Xunta ten que explicar aos veciños e veciñas dos concellos de menos de 20.000 habitantes, o motivo polo cal agora en 2012 se nega a cofinanciar o SAF básico, porque se a Xunta non vai cumprir cos veciños destes concellos serán os veciños quen ergan a voz contra a Xunta”.

Nesta mesma liña, o vicepresidente da Deputación afirmou que “as cousas, pola nosa parte, están ben claras: hai unha administración como é a Deputación que pon diñeiro enriba da mesa e apoia aos concellos e ás persoas que neles viven e, pola outra parte, unha administración, a Xunta, que se lava as mans eludindo responsabilidades e negando a asistencia ás persoas que máis o necesitan”.

Por todo isto, Veiga afirmou que “nós temos claro o noso compromiso co benestar dos nosos veciños e veciñas, vivan na cidade ou en concellos pequenos, e oxalá isto servise para que a Xunta amosase un pouco de sensibilidade sobre un tema tan serio, recapacitase e colaborase no financiamento do servizo de axuda no fogar en todos os concellos lucenses, algo que é triste ter que estar tensando a corda con esta situación porque, lembremos, é a responsabilidade da administración autonómica e para iso ten competencias e partidas orzamentarias”.

Ademais, Veiga comparou a situación de desmantelamento do financiamento do SAF básico co caso “idéntico” do Programa Preescolar na Casa, “co que hoxe vimos de asinar un convenio aumentando a nosa aportación para que se poida manter este importantísimo programa para a crianza e educación dos nenos no rural, que á Xunta do señor Feijóo parece non interesarlle nadiña porque tamén aquí pasou o tesoirazo”.

Exit mobile version