Site icon Crónica3.com A Mariña

A fundación IMDECUM e o concello de Burela asinan un convenio de colaboración

A FUNDACIÓN IMDECUM E O CONCELLO DE BURELA ESTREITAN LAZOS A TRAVÉS DUN CONVENIO DE COLABORACIÓN

Martes 29 de maio. A Fundación Imdecum (Impulso ao Deporte, Cultura e Turismo na Mariña) e o Concello de Burela veñen de asinar un convenio de colaboración para potenciar a práctica deportiva saudable e a realidade cultural entre os veciños e veciñas localidade, así como dinamizar o potencial turístico do municipio dentro e fóra da comarca da Mariña. O presidente da entidade, Marcelino Luna, foi recibido no consistorio polo alcalde, José María González Barcia, para formalizar o devandito acordo.

“Con este convenio damos o primeiro paso para iniciar unha colaboración firme con proxectos de futuro porque entendemos que os obxectivos que persegue Imdecum son tamén beneficiosos para a vila de Burela. Polo ben do noso concello, intentaremos facilitar o labor da Fundación en todo o que estea dentro das nosas posibilidades” asegurou José María González Barcia.

Pola súa banda, Marcelino Luna salientou “a cooperación con institucións e municipios como algo fundamental na liña de finalidades de Imdecum”. “A vida deportiva e social de Burela constitúe un referente no desenvolvemento de actividades; por iso, unindo esforzos, coa realización de eventos en conxunto e compartindo instalacións poderemos contribuír a esa dinamización da vila e da bisbarra”, explicou o presidente da fundación.

As liñas de colaboración previstas no convenio contemplan unha base de traballo conxunto entre ambas as entidades no desenvolvemento de actividades que redunden na consolidación do deporte, facendo fincapé na aprendizaxe de calidade; na difusión e preservación da riqueza cultural e natural do concello e na promoción do potencial turístico da contorna.

Exit mobile version