A Fundación TIC edita o CD do grupo monfortino “La Cuarta Pared” que se presentará en xira por Galicia no verán
– Val Alonso entrega ó líder da banda 1.000 copias do traballo incluído en “Son Lugueses”, a colección de proxectos musicais que edita e financia a TIC en apoio ós artistas lugueses
– Baixo o nome de Supervivencia, o disco recolle dez temas de música alternativa do monfortino Caetano Vázquez que, proximamente e en 1º lugar, presentará na súa cidade
O Deputado de Economía do Coñecemento, Emprendedores e Innovación, así como Patrono da Fundación TIC, José Ramón Val, presentou este mércores nas instalacións do Centro de Produción e Programas o CD Supervivencia, que recolle dez temas de música alternativa do grupo de Monforte de Lemos “La Cuarta Pared”. É o último traballo musical incluído en “Son Lugueses”, a colección de proxectos musicais editados e financiados na súa totalidade pola TIC para impulsar ós artistas lugueses.
Val Alonso entregou 1.000 copias do CD, grabado nos estudos de Miño Medio, no Concello do Corgo, ó lider da banda monfortina, Caetano Vázquez. O músico xa ten previsto presentar, proximamente, este traballo discográfico na súa cidade natal. Durante o verán, levará as súas propostas musicais por toda Galicia nunha xira que tamén teñen pechada.
O grupo musical La Cuarta Pared naceu como dúo acústico a mediados do 2007 en Monforte de Lemos. Dende os seus comezos, o proxecto musical dirixiuse ás actuacións en directo con cancións propias e son sinxelo, pero depurado. En 2009, a formación musical dá un xiro e convértese nun proxecto en solitario de Caetano Vázquez, que dá a “La Cuarta Pared” un enfoque máis creativo do que xorde a gravación de Supervivencia. Ademais deste proxecto musical, Vázquez está vencellado a outros grupos lugueses como Lefauxboheme, co que se iniciou no mundo da produción musical; FX, The Base-Ick e Vera Lynn, cuxa presentación tivo lugar o pasado 12 de maio, durante a homenaxe a Pink Floyd celebrada en Salcedo, na Pobra do Brollón.
Apoio ós artistas da provincia
A Fundación TIC presta a súa colaboración ós músicos lucenses co fin de difundir o seu traballo dentro e fóra da provincia. Ese é o obxectivo do proxecto que deu lugar á colección “Son Lugueses” na que se inclúen, entre outros, traballos discográficos das Bandas de Música de Vilalba e Sarria ou o himno oficial do Arde Lvcvs, da Cohors III Lucensium, que xa foron entregados ós seus membros.