A piscina olímpica de San Ciprián acollerá o Campionato Galego Máster de Natación Open
-Está confirmada a asistencia duns 200 nadadores pertencentes a 15 clubs galegos
-É a primeira vez que unha proba destas características se desenvolve nunha piscina de 50 metros
Na competición participarán nadadoras e nadadores federados e pertencentes a un club. En canto á idade dos deportistas, partirá dos 20 anos sen límite de idade máxima. De feito, está confirmada a asistencia de nadadores de máis de 80 anos. As categorías estableceranse en tramos de 5 anos para favorecer a igualdade nas probas. A maior parte dos competidores pertencen a clubs galegos aínda que ao tratarse dun campionato Open, está aberto á participación de nadadores doutros lugares de España e incluso a nivel internacional, polo que non se descarta a asistencia de deportistas de Portugal dada a súa proximidade.
As probas serán de 50-100 e 200 metros e de todos os estilos e modalidades, incluso de relevos. O campionato desenvolverase entre as 11:00 e as 18:00 horas cunha parada para comer.
Cabe destacar que se trata da primeira vez que unha proba destas características se realiza nunha piscina de 50 metros en Galicia e polo tanto, tamén é o primeiro campionato deste tipo que acolle a piscina olímpica de San Ciprián. Na organización deste evento deportivo participa o Concello de Cervo, a Secretaría Xeral para o Deporte, a Federación Galega de Natación, e o Club Natación PortaMiñá de Lugo.
O goberno local valorou moi positivamente que este campionato galego se desenvolva en Cervo, concretamente na piscina de San Ciprián, xa que “é necesario potenciar a utilización e aproveitamento das instalacións deportivas das que dispoñemos para que sexan cada vez máis as persoas e colectivos que gocen da piscina olímpica e se lle dea o maior e mellor uso posible” asegura o alcalde de Cervo.
Ademais, para Villares, acoller un evento destas características supón uns beneficios que van máis alá do deportivo, xa que o campionato tamén “repercutirá positivamente no sector turístico, coa chegada a Cervo de centos de persoas, entre competidores, membros dos clubs e incluso público que se acercará a presenciar este acontecemento da natación galega” remata o mandatario cervense.