Tralas declaracións en sede parlamentar o pasado día 3 de maio do secretario Xeral de Montes e Medio Rural da Xunta, D. Tomás Fernández-Couto, nas que indicaba que:
a) o praguicida que será utilizado nos próximos meses para fumiga-las zonas forestais de eucalipto afectadas pola praga do gorgoxo «no es tóxico»,
b) a operación prevista entre agosto e decembro próximos «no es una fumigación masiva» e
c) o produto utilizado non require «ningún tipo de autorización especial» porque é legal,
a Plataforma da Mariña contra as Fumigacións, integrada polo Sindicato Labrego Galego, a Asociación Galega da Apicultura (AGA), a Asociación de Produtores Ecolóxicos Galegos (APEGA), a ONG Amarante e a Asemblea 15M da Mariña-Occidente, vén de entregar aos grupos municipais do Concello de Ribadeo unha moción para que se non se permitan estas aplicacións no seu termo municipal.
No texto da moción incluense as referencias legais específicas extraídas da normativa europea que declaran a toxicidade do flufenoxurón e prohiben tanto as fumigacións aéreas como a comercialización do produto a partir do 1 de agosto na UE, desmontando a defensa que Fernández Couto fai desta actuación.
A iniciativa da Plataforma, que se vai levar a cabo en todos os Concellos da bisbarra, pretende mobilizar contra estas prácticas ás administracións locais, responsables da protección da saúde e os intereses dos veciños, ante o sospeitoso silencio que manteñen desde que se destapou en Melide a iniciativa da Xunta.
Desde a Plataforma aproveitamos para dar os nosos parabéns aos Comuneiros/as das Anzas e Vilela, que tras seren convenientemente informados, votaron maioritariamente por non autorizalas nos seus Montes.