
Almudena xa participara no pasado en diversos festivais que se celebraran pola zona, pero era a primeira vez que cantaba en solitario. O Salón de Actos da Casa da Cultura de Alfoz rexistrou un cheo case total. Almudena conseguiu os aplausos unánimes de todos os asistentes, que remataron o concerto en pé, aplaudindo longamente á cantante. Interpretou cancións de La Quinta Estación, Mecano, La Oreja de Van Gogh, Tamara, Thalía, etc. Estivo acompañada polo músico Jorge Olivera, que a acompañou ó piano nunha das pezas máis logradas: a canción “Jueves”, de la Oreja de Van Gogh, e que cantou en dúo con Almudena a canción final da gala, o tema “No me ames”, orixinario de Jennifer López e Marc Anthony. Eva María Campos tamén colaborou na coreografía. A velada estivo presentada por Antonio Jesús Lorenzo “Cachín” e por Sabela Quirós e encadrouse dentro dos denominados “Sábados Culturais” de Alfoz. Podemos considerar a actuación como todo un éxito e a Almudena augúraselle un gran porvenir no mundo da música, posto que posúe unha estupenda voz.