Site icon Crónica3.com A Mariña

A Xunta cobrará polo servizo de rescates marítimos

A XUNTA REPERCUTIRÁ SOBRE OS RESPONSABLES DE INCIDENTES MARÍTIMOS OS CUSTOS DO SERVIZO DE RESCATE

· A Consellería do Medio Rural e do Mar pretende concienciar a sociedade do risco que entraña a realización de determinadas actividades

· decreto aprobado hoxe prevé un sistema de taxas moi semellante ao que aplica Salvamento Marítimo do Estado ou o Goberno do País Vasco

· En ningún caso se cobrarán as prestacións de servizos de rastrexo e rescate nas situacións de catástrofe ou calamidade pública, así como por razóns de interese xeral e non en beneficio de particulares ou de bens determinados

O Consello da Xunta aprobou hoxe o proxecto de decreto que establece os prezos públicos polos servizos de rescate prestados polo Servizo de Gardacostas da Consellería do Medio Rural e do Mar. A norma prevé un sistema de taxas moi semellante ao que aplica Salvamento Marítimo do Estado ou outras Comunidades Autónomas como o Goberno do País Vasco.

O Goberno galego quere reforzar así a mentalización da cidadanía sobre o risco que entraña a realización de determinadas actividades relacionadas co mundo do mar. Neste sentido, preténdese disuadir as actuacións imprudentes e irresponsables.

A Consellería considera necesario, nun contexto de crise económica como o que nos atopamos, optimizar os recursos públicos e acadar unha mellor e máis eficaz xestión. Cabe destacar que os medios de salvamento supoñen cuantiosos custos para todos os galegos; uns 6 millóns de euros ao ano no caso de rescates por medio aéreos e uns 5 millóns de euros ao ano no caso de operacións por medio de embarcacións.

A maior parte das actuacións corresponden a evacuacións e asistencia a buques estranxeiros ou doutras comunidades autónomas e ata o de agora non existía unha ferramenta normativa a través da cal se puidesen repercutir os custos dos operativos nas aseguradoras ou armadoras dos buques auxiliados.

En ningún caso se cobrarán as prestacións de servizos de rastreo e rescate nas situacións de catástrofe ou calamidade pública, así como por razóns de interese xeral e non en beneficio de particulares ou de bens determinados.

O pagamento polo rescate afectará determinadas actividades recreativas e deportivas que comportan un evidente risco, a prestación de servizos en zonas sinaladas como perigosas, cando se orixine por desatender os avisos de alerta de fenómenos meteorolóxicos adversos e cando se trate de servizos solicitados sen xustificación. Ademais, terán que pagar a nova taxa as persoas rescatadas que non leven o equipamento axeitado para o desenvolvemento da actividade.

En todo caso, estes gastos adoitan estar cubertos polas empresas aseguradoras, polo que os profesionais galegos da pesca quedarían cubertos polo seguro obrigatorio do que deben dispor por lei nas súas embarcacións.

Exit mobile version