Site icon Crónica3.com A Mariña

A Xunta destina 400.000 euros para apoiar a competitividade das PEMES

ECONOMÍA E INDUSTRIA DESTINA 400.000 EUROS A APOIAR PROXECTOS COLECTIVOS EMPRESARIAIS PARA MELLORAR A COMPETITIVIDADE DAS PEMES

 As bases publicadas hoxe permitirán apoiar iniciativas abertas de difusión de técnicas, metodoloxías, ferramentas ou boas prácticas nos eidos da innovación e a competitividade

 A organización de xornadas técnicas, seminarios, foros ou premios de carácter empresarial nas provincias de Lugo, Ourense, municipios das comarcas de Ferrol, Eume e Ortegal e Costa da Morte terán prioridade

 O prazo de presentación de solicitudes rematará o vindeiro 18 de xuño

Santiago, 16 de maio de 2012.- A Consellería de Economía e Industria destina 400.000 euros, a través do Igape, a apoiar proxectos colectivos empresariais destinados a facilitar a mellora da competitividade das pemes mediante o impulso a iniciativas abertas de difusión sobre os recursos existentes neste ámbito. O prazo de presentación de solicitudes rematará o vindeiro 18 de xuño.

As axudas publicadas hoxe no Diario Oficial de Galicia permitirán apoiar, no ámbito dunha convocatoria en réxime de concorrencia competitiva, actividades de difusión como a organización de xornadas técnicas, seminarios, foros ou premios dirixidos á difusión de técnicas, metodoloxías, ferramentas ou boas prácticas nos eidos da innovación e a competitividade celebradas en Galicia entre o 1 de outubro de 2011 e 30 de setembro de 2012.

Entre as novidades da convocatoria está a inclusión, como factor de discriminación positiva no marco dos Plans Impulsa, Revive e Plan Ferrol, da localización na celebración de xornadas técnicas, seminarios, foros ou premios de carácter empresarial, apoiándose de maneira especial as iniciativas realizadas nas provincias de Lugo, Ourense e Municipios das comarcas de Ferrol, Eume e Ortegal e Municipios da Costa da Morte.

As bases tamén facilitarán apoios para a organización en Galicia de encontros empresariais entre emprendedores e investidores privados (business angels), así como a organización en Galicia de congresos ou eventos expositivos de alcance internacional.

Deste modo búscase traballar na procura do incremento da competitividade de pemes que, polo seu reducido tamaño e pouca dispoñibilidade de tempo e recursos humanos, principalmente, non teñen fácil poñer en práctica medidas particulares de mellora competitiva.

Estas axudas supoñen un esforzo específico da Consellería de Economía e Industria a prol da colaboración e cooperación interempresarial. Incentivaranse así proxectos e iniciativas promovidas e coordinadas por organismos intermedios de carácter empresarial que poidan implicar en proxectos de interese común a conxuntos de empresas galegas, xerando así o valor engadido das sinerxías, aforros e reciprocidades dos proxectos compartidos, co obxectivo principal de incrementar e dinamizar a actividade económica en Galicia.

Exit mobile version