RAQUEL ARIAS REITERA AO VICEPRESIDENTE DA DEPUTACIÓN DE LUGO A OFERTA DA XUNTA DE ASINAR UN CONVENIO PARA COOPERAR NA PRESTACIÓN DOS SERVIZOS SOCIAIS
A delegada territorial reuniuse con Antonio Veiga despois de que os responsables da Deputación Provincial se negasen ata en tres ocasións a acudir a unha xuntanza coa Consellería de Traballo e Benestar
José Ramón Gómez Besteiro acordou en decembro coa consellería a designación duns interlocutores para levar a cabo estas conversas entre o departamento autonómico e o ente provincial
Arias indicou que, co desenvolvemento do novo marco normativo, a Xunta garante a prestación íntegra para atención a dependentes
A delegada territorial recordou que o mesmo presidente da Deputación demandou o pasado venres en Madrid, na reunión da FEMP, “máis competencias das Deputacións en concellos de menos de 20.000 habitantes, aínda que tres días despois, en Lugo, actuaba en sentido contrario para eludir responsabilidades en materia de servizos sociais”
Na xuntanza entre Raquel Arias e o vicepresidente da Deputación, a delegada territorial explicou que “se houbo modificacións no marco normativo foi precisamente pola necesidade de desenvolver a Lei de Servizos Sociais aprobada no 2008 polo goberno bipartito da Xunta”, e mostrou a súa estrañeza pola polémica desatada ao respecto dende a institución provincial.
Deben saber, apuntou Arias, que “a Lei que eles aprobaron determina o apoio que deben prestar as Deputacións aos concellos de menos de 20.000 habitantes” e “establece transferencias da Xunta aos concellos só nos supostos en que estes asuman competencias que son de titularidade autonómica; en ningún caso se refire ao financiamento das competencias que son xa de titularidade municipal, como é o caso do servizo de axuda no fogar básico”.
Neste sentido, a delegada territorial recordou que o mesmo presidente da Deputación demandou o pasado venres en Madrid, na reunión da FEMP, “máis competencias das Deputacións en concellos de menos de 20.000 habitantes, aínda que tres días despois, en Lugo, actuaba en sentido contrario para eludir responsabilidades en materia de servizos sociais”. “Creo que convén non enganar á xente de Lugo con dobres discursos, segundo os intereses persoais dunha persoa”, resumiu Arias.
Pese a todo, reiterou, a Xunta ofrece vías de colaboración para contribuír ao financiamento do servizo, como a sinatura dun convenio como xa se acordou coas outras deputacións galegas. “No mes de xaneiro o presidente da Deputación e a conselleira de Traballo e Benestar acordaron nomear os interlocutores que levarían a cabo estas conversas –explicou Arias-; a secretaria xeral de Política Social, designada pola Xunta, convocou a Antonio Veiga, designado pola Deputación, pero este non acudiu á cita”.
Posiblemente, manifestou Arias, “exista algún problema de comunicación entre o presidente e o vicepresidente da Deputación, porque Besteiro coñecía dende xaneiro a disposición da Xunta a negociar este acordo”.
Raquel Arias incidiu en que, ao marxe de que se negocien outras fórmulas de colaboración para axuda á Deputación a facer fronte á parte do custo que legalmente lle corresponde, co estado actual deseñado polo Decreto de Servizos Sociais, a Xunta garante a prestación íntegra para a atención a persoas dependentes.
A Xunta, sinalou, “financiará a axuda no fogar das persoas dependentes e os traballadores sociais de absolutamente tódolos concellos, independentemente do número de habitantes que teñan, así como o SAF (Servizo de Axuda no Fogar) básico dos Concellos de máis de 20.000 habitantes”.
Arias invitou á Antonio Veiga a cambiar a postura “conflitiva e desafiante” que ven mantendo a Deputación por unha actitude “responsable e colaboradora” que permita “traballar en común polo ben de todos os veciños e veciñas de Lugo, e non dos partidos políticos que gobernan a Deputación”.