Site icon Crónica3.com A Mariña

Anuncia o PP que dúas empresas vinculadas co sector forestal presentan proxectos que poden ser de interese para Mondoñedo

Dúas empresas vinculadas co sector forestal presentan este sábado proxectos que poden ser de interese para o futuro laboral de Mondoñedo

 A Casa da Xuventude acolle a primeira actividade da Mesa de Seguimento centrada na análise da xestión do sector forestal como unha fonte de recursos para a creación de postos de traballo

 O PP local agradece a actitude colaboradora mostrada polo equipo de goberno ao aceptar as propostas do PP, que agora poñen a andar nun proxecto conxunto entre a Xunta e os tres partidos políticos locais

Mondoñedo, 3 de maio de 2012- O Grupo Municipal do Partido Popular agradece a actitude colaboradora amosada polo equipo do goberno en relación coas propostas do Partido Popular para o fomento do emprego mindoniense, postas en común na última reunión da Mesa de Seguimento, e que agora empezan a materializar este sábado coa celebración da primeira actividade programada, que xira en torno a análise do sector forestal como fonte de emprego.

A primeira actividade da Mesa de Seguimento, na que participan a Xunta (Consellería de Economía e Industria e Xesgalicia), o Concello de Mondoñedo e os grupos municipais terá lugar este sábado na Casa da Xuventude da localidade, de 10:30 a 14:00 horas.

Baixo o titular de A Xestión Forestal Sostible crea Emprego, expertos no sector analizarán se a comarca, tendo en conta os seus recursos forestais, reúne condicións óptimas para ser sede dalgún proxecto que poida crear postos de traballo.

Responsables de dúas empresas vinculadas ao sector forestal analizarán os proxectos que poden ser de interese para Mondoñedo. Así, trala análise da situación dende a perspectiva da Administración da man do xefe de Montes da provincia de Lugo, Miguel Cela; Roberto Astorga, responsable de Biomasa do Grupo Ence, analizará a experiencia de Ence na produción de enerxía eléctrica, co emprego da BIOMASA; mentres que Fernando Solla Gullón, director técnico de ISEMPA SL, centrará a súa exposición no uso da Biomasa forestal como combustible para a xeración de enerxía térmica: caso práctico aplicado a Mondoñedo.

Na mesa redonda tamén intervirá o xerente de Maderas Villapol, Daniel Villapol, que analizará a súa interesante experiencia empresarial e puntualizará no asociacionismo como elemento clave para o desenvolvemento forestal. Pola súa banda, o doutor en ciencias e coordinador do programa de investigación forestal do Principado de Asturias e director científico da fundación Cetemas, Juan Majada Guijo, centrará a súa exposición na optimación de sistemas de produción, especial interese nos cultivos enerxéticos.

A primeira das xornadas organizadas pola Mesa de Seguimento para o fomento do emprego na cidade e a procura de alternativas de futuro nunha comarca lastrada por coñecidas crises empresariais será clausurada pola Conselleira de Medio Rural e do Mar, Rosa Quintana.

Esta é a primeira das actividades consensuadas entre a Xunta, o Concello de Mondoñedo e os tres partidos municipais. As outras propostas centraranse na dinamización do sector turístico para xerar emprego e sensibilizando aos veciños e emprendedores das posibilidades de negocio que deseña este sector.

Remitido

Exit mobile version