AS RÚAS DE RIBADEO CONVERTÉRONSE NO ESCENARIO DO TEATRO BUXIGANGA
Sete grupos teatrais da comarca representaron pequenos fragmentos das súas obras en distintos puntos da vila Mariñá
Ribadeo, 18 de maio de 2012. Na tarde de hoxe arrancou da praza do Cantón de Ribadeo o pequeno circuíto de actuacións que percorreron as rúas máis céntricas da vila, achegando aos cidadáns o teatro afeccionado. Nesta representación colectiva participaron os grupos de teatro da Mariña que forman parte do programa Buxiganga, e son A Adala (Fazouro), Ardora (San Cibrao), Axóuxeres (Vilaronte, Foz), O Bordelo (Cervo), Batán (Foz), Raiolas (Alfoz) e o Grupo de Teatro de Ribadeo.
O vicepresidente da Deputación de Lugo, Antonio Veiga, que asistiu a esta presentación, afirmou que “tanto Buxiganga como esta actividade en concreto dan resposta á grandísima afección que existe polo teatro na Mariña, comarca na que o programa é un éxito rotundo grazas tanto aos actores como a toda a xente que asiste ás representacións”.
Os circuítos de Buxiganga, cuxa nova fase se presentou hai uns días no Concello de Ribadeo, teñen o obxectivo de potenciar o teatro en todas as súas vertentes como un elemento de transmisión cultural, ademais de fomentar o emprego do galego e cumprir unha importante función de cohesión e integración social. Na Mariña en concreto, e como afirmou Veiga, “é probablemente a comarca onde mellor funciona Buxiganga, as actuacións están sempre cheas de xente”. Este programa é un dos que máis satisfaccións dá á Área de Cultura da Deputación, xa que “non só posibilita aos grupos de teatro realizar actuacións con grande éxito entre o público, senón que tamén fomenta a aparición de novas agrupacións teatrais”.
Na Mariña, haberá 24 representacións a cargo de diferentes colectivos teatrais da provincia, mentres que os grupos desta comarca terán 19 representacións en distintos puntos da povincia. Co programa Buxiganga, todos os grupos lucenses de teatro teñen a posibilidade de aumentar o número de representacións das súas montaxes teatrais.