Site icon Crónica3.com A Mariña

Asegura o BNG que o modelo de financiamento dos Servizos Sociais por en risco 130 empregos na Mariña

MANUEL PARGA DENUNCIA QUE O NOVO MODELO DE FINANCIAMENTO DOS SERVIZOS SOCIAIS PON EN RISCO 130 EMPREGOS NA MARIÑA

O Parlamentario do BNG alerta de que o PP converte a sanidade e a educación nun artigo de luxo

O BNG e as organizacións sindicais critican que o paro entre os menores de 30 anos situase en Lugo preto do 40%

Viveiro, 2 de maio de 2012. Unha delegación da Executiva Comarcal do BNG, da que facían parte o parlamentario Manuel Parga, o tenente de alcalde de Viveiro, Bernardo Fraga e o vice-responsábel comarcal do BNG, Xoán Estua, mantiveron na xornada de hoxe unha xuntanza na Casa Sindical de Viveiro cos representantes na Mariña de UXT, CIG e Comisións Obreiras no que trataron como está a afectar á Comarca a xestión da crise que levan adiante o Goberno Galego e do Estado.

O parlamentario do BNG, Manuel Parga, afirmou que “o novo modelo de financiamento dos servizos sociais que vén de aprobar a Xunta de Galiza significa un golpe mortal ao sistema de benestar no conxunto dos concellos da Mariña, xa que pon en risco o sistema de axuda no fogar básico, as escolas infantís e os centros de maiores. Non estamos só diante dun modelo que lle nega financiamento autonómico para os equipamentos sociais aos Concellos de menos de 20.000 habitantes, que deixa sen protección a aqueles sectores sociais que máis precisan da axuda pública senón que pon en risco máis de 130 empregos no conxunto da Comarca. Pero é que hai máis o actual decreto establece un novo sistema de prezos públicos para utilizar as escolas infantís e os centros de dia e as escolas infantís que nalgúns casos significa unha suba nos prezos das mesmas de até un 100%.O PP esta a converterse nun problema para as persoas, e non só iso fano saltándose a lei como acontece con esta normativa que foi informado desfavorabelmente polo Consello Consultivo e pola Asesoría Xurídica Central da Xunta de Galiza”.

Na mesma liña o deputado nacionalista indicou que “as políticas dos populares na Xunta pretenden converter a sanidade e a educación nun artigo de luxo ao que non van poder acceder as maiorías sociais. Non é de recibo que en materia sanitaria se veña de establecer o sistema de copago que curiosamente a quen máis golpean sexan aos mozos e aos maiores, ou que se fixe un prezo no transporte sanitario para aquelas persoas que precisan determinados tratamentos como os doentes renais ou os que están sufrindo un cancro. Neste caso é evidente que o PP divide aos cidadáns xa non só en función da súa renda senón tamén atendendo a criterios xeográficos e no caso dos da Mariña isto provoca máis problemas posto que para determinadas terapias como a quimioterapia, a radioterapia ou mesmo a diálise teñen que desprazarse fora da Comarca. Na sanidade e na educación estase a vivir un proceso de privatización e centralización que nos volve 40 anos atrás”.

Xa por último Manuel Parga destacou que “os últimos dados da EPA, referidos ao primeiro trimestre de 2012 certifican que as sucesivas reformas laborais téñense demostrado como autenticas máquinas de fabricar parados. Abonda repasar a información da EPA, concretamente aquela que fai referencia ao desemprego nos menores de 30 anos onde o desemprego sitúase na Provincia de Lugo preto do 40% para darse conta do drama social que afronta a nosa mocidade. Se antes despedir era barato a día de hoxe é gratis, se xa na primeira década do século XXI os traballadores da Mariña perderon poder adquisitivo real, agora é o propio Goberno quen recoñece que até 2015 o salario dos traballadores van seguir vindo a menos.Estamos diante dun problema que afecta ao conxunto da sociedade e o Goberno non pode seguir agudizándoo.Urxe, polo tanto, un cambio de políticas que establezan como prioridade a creación de emprego e por suposto que a Xunta cumpra coa Mariña posto que seguimos agardando dos Planos de Acompañamento Social que o Goberno de Feijoo comprometeu para A mariña despois do feche de ECAR e de Hermida”.

Remitido

Exit mobile version