Site icon Crónica3.com A Mariña

Asegura PP de Ribadeo que descubriu que o goberno municipal se adica a non facer nada e a difundir demagoxia para crear alarma

O PLENO DO LUNS DESCUBRIU A QUÉ SE ADICA O GOBERNO DO BNG: A NON FACER NADA POR RIBADEO E A DIFUNDIR A DEMAGOXIA DO SEU PARTIDO PARA CREAR ALARMA.

A sesión plenaria celebrada en Ribadeo na noite do Luns foi unha demostración máis do que ven sendo habitual no último ano: a absoluta inacción do goberno nacionalista que está levando ó noso concello á parálise. Un bimestre máis o pleno estivo cargado de mocións-tipo presentadas por BNG e PSOE nas que se trouxo a debate temas coma a Lei de Sanidade, a Reforma Laboral, a seca, as participacións preferentes, etc, … cuestións que exceden o ámbito de decisión da corporación local e que, ademais, están plantexadas desde o alarmismo social máis absoluto, na liña do que está a ser a política dos partidos de esquerdas nestes momentos: poñer paus nas rodas a quen está a intentar arranxar a gravísima situación á que eles mesmos nos levaron.

Os asuntos do pleno (fóra das mocións, rogos e preguntas e control dos órganos da corporación) foron tres: o préstamo para pagar aos provedores e dúas ordenanzas fiscais. A estes temas se reduce a actividade do goberno municipal. O único que resultou proveitoso para a economía ribadense de catro horas de pleno foi o primeiro punto que consistía en realizar os trámites procedentes para aproveitar a oportunidade que o Goberno de España (do PP) lles ofrece ós concellos para inxectar liquidez na economía das pemes e autónomos. Este préstamo que se aprobou solicitar suporá o saneamento das débedas de máis de millón e medio de euros que manten o concello coas empresas e que lastran, aínda máis, a súa xa ferida economía. Ademáis, grazas a esta medida do goberno de Rajoy o concello porá o contador a cero e debería supór que o tempo de pagamento do Concello debería ser moi razoable. Os outros dous puntos eran dúas ordenanzas puramente técnicas. Outros dous meses perdidos para pelexar desde o concello por axudar ó noso pobo a pasar estes difíciles momentos. Outra mostra máis do que está a ser o goberno do BNG en Ribadeo que xa se achega a un ano: INACCIÓN, INACTIVIDADE, BALEIRO, DEIXAR PASAR O TEMPO,..

No apartado das MOCIÓNS, a tónica xeral foi a presentación por parte dos grupos da esquerda de propostas de adopción de acordos en contra da normativa que o PP está a aplicar en Santiago e en Madrid, valéndose de un argumentario demagogo, falto de rigor e que supón unha manipulación tendenciosa da realidade cara a crear un clima de alarma social que provoque a confrontación da que pretenden sacar un rédito político.

O Grupo Popular non só votou en contra das mocións socialistas (por suposto apoiadas sen paliativos polo BNG e viceversa) senón que rexeita publicamente a posición política que está a adoptar o PSOE que, lonxe de achegar o ombreiro e axudar a este goberno a saír do pozo no que eles nos meteron está a desinformar á poboación, buscando crear unha alarma social que lles ofreza rendementos electorais. Aseveracións como que os maiores de 26 anos e os extranxeiros quedarán sin asistencia sanitaria que son rotundamente incertas non veñen a aportar nada na solución dos 16.000 millóns de débeda sanitaria, máis ben, por contra, pretenden un rexeitamento social baseado en falsedades.

No caso das mocións do BNG a postura do Partido Popular foi de un absoluto rexeitamento. Na liña dos socialistas están cheas de acusacións falsas que son especialmente sangrantes no caso da axuda a domicilio xa que pretenden culpar ó actual goberno da Xunta do PP de unha situación que foi establecida por eles mesmos no seu (afortunadamente) corto período de goberno; que trata de manipular a realidade para esquivar as competencias do goberno municipal e provincial e evitar, en definitiva, ter que facer axustes nas súas privilexiadas situacións de goberno (con asesores, secretarias, gasto desmesurado en persoal, …) para atender estas necesidades sociais.

En definitiva, onte asistimos a unha nova escenificación da política nacionalista que nos goberna ós ribadenses: absoluta falla de ideas, inacción e estratexia política de desgaste ó Partido Popular a través da manipulación, a demagoxia e o vitimismo. Cero solucións ós problemas de Ribadeo, cero iniciativas para axudar ós nosos veciños e moita ideoloxía, crítica destrutiva e alarma social.

Exit mobile version