A Festa da Letras terá lugar nas Escolas de Celeiro de Mariñaos, o sábado 19 de Maio a partir das 17 horas.
Barreiros, 11 de Maio de 2012. Co gallo do Día das Letras Galegas, a Asociación Veciñal Irmandade de San Caetano e o Colectivo Cultural Ollomao organizan A “Festa das Letras” nas Antigas Escolas de Celeiro de Mariñaos o día 19 de Maio a partir das 17 horas. Esta Festa xa se ten convertido nun referente ao redor do Día das Letras Galegas na parroquia de Celeiro de Mariñaos, tras máis de 10 anos organizándose por parte da asociación veciñal.
Nesta ocasión, a xornada será organizada conxuntamente pola Asociación Irmandade de San Caetano e polo Colectivo Cultural Ollomao poñendo en práctica a colaboración entre as asociacións do Concello que ambas as dúas entidades propugnan desde o seu inicio. Segundo o Presidente da Irmandade, Xabier López López, “é moi importante xuntar esforzos para lograr unha oferta cultural axeitada á realidade do noso concello e para reducir no máximo posible os costes das actividades. Cando os obxectivos das asociacións coinciden no fundamental: pór en valor a cultura galega e dinamizar a vida cultural barreirense, é moi sinxelo traballar xuntos.”
Desde a organización explican que nesta xornada se conxugarán diferentes actividades dirixidas a pequenos e maiores co seguinte programa:
17hs. XOGOS TRADICIONAIS A CARGO DE XOTRAMU.
18:30hs. PRESENTACIÓN DO LIBRO INFANTIL DE TEATRO “OS POEMAS DO RÍO”, a cargo das autoras: Cristina Corral Soilán e Aurora Cascudo Román.
Ás 19:30hs: PRESENTACIÓN AUDIOVISUAL SOBRE OS CASTROS DE BARREIROS, a cargo do Profesor Don Emilio Piñeiroa Lozano e TRIVIAL DE BARREIROS: Xogo de preguntas e respostas para nenas e nenos sobre cultura xeral e local.
A continuación terá lugar a ACTUACIÓN DO GRUPO A SUBELA de Música Tradicional.
Daranse os primeiros pasos para a constitución dun grupo de teatro infantil.
Aproveitando a cita coas autoras da obra teatral, o Colectivo Cultural Ollomao dará os primeiros pasos para pór en funcionamento un grupo de teatro infantil que traballará na obra presentada nesa xornada: “Os Poemas do Río”. Para esta actividade, contarán coa colaboración da actriz barreirense Estíbaliz Veiga, que amadriñará a obra de teatro e exercerá de Directora da mesma. Tamara Rubiños Varela, Presidenta de Ollomao, explica que “decidimos crear un grupo de teatro infantil para dar cabida ás nenas e nenos do concello; xa que sabemos, polo interese que mostraron ao comezar a traballar co grupo de teatro que está a ensaiar “Os vellos non deben namorarse”, que hai moitas nenas e nenos barreirenses que teñen interese en facer teatro. Para nós é unha satisfacción que exista inquietude cultural entre as máis novas e novos e facemos todo o posible para canalizala e facer posible a participación de todo o mundo.”
Ademais, desde o Colectivo barreirense amósanse moi agradecidos “coas actrices locais Comba Campoy e Estíbaliz Veiga, que están colaborando desinteresadamente con nós e que se amosaron encantadas de facelo.”