Site icon Crónica3.com A Mariña

Dúas regatas da Liga Galega de Traiñeiras celebraranse en augas de Celeiro no mes de xullo

O PORTO DE CELEIRO ACOLLERÁ A I BANDEIRA DE TRAIÑEIRAS DEPUTACIÓN DE LUGO ESTE VERÁN

Baixo ese título disputaranse dúas regatas da Liga Galega de Traiñeiras o 7 e 8 de xullo, co que a nova directiva do club de remo pretende revitalizar este deporte na comarca

Antonio Veiga, que asistiu á presentación, explicou que “este tipo de actividades, ademais do valor que teñen como eventos a nivel deportivo, aportan un valor engadido que é a afluencia de xente ao concello co gallo da súa celebración”

Viveiro, 10 de maio de 2012. O vicepresidente da Deputación de Lugo e responsábel das Áreas de Benestar Social e Deporte, o nacionalista Antonio Veiga, participou na tarde de hoxe na presentación das dúas regatas da Liga Galega de Traiñeiras que se van a celebrar en Celeiro os días 7 e 8 de xullo, o que suporá un gran acontecemento para a comarca mariñá.

A I Bandeira Deputación de Lugo, que así se denomina, vai reunir ás 17 traiñeiras, 8 da liga A e 9 da B, polo que desde a nova directiva do club de remo esperan que isto se converta nun bo impulso para a afección en Celeiro, pois están tratando de revitalizar este deporte. A parte de que traerá deportistas e seguidores dos clubs, será un bo espectáculo para os moitos turistas que pasen uns días por esas datas na vila mariñá.

A fórmula da regata a dobre xornada con clubs das dúas ligas será a seguinte: xornada do sábado con dúas quendas contrarreloxo conformadas polos equipos da LG-B na 1ª quenda e os equipos da LG-A na 2ª quenda, e xornada do domingo cos 12 primeiros clasificados en 3 quendas segundo os resultados da xornada do sábado, independentemente da liga a que pertenzan os equipos. Deste xeito a xornada do sábado podería ser puntuable para cada unha das ligas, posto que non hai interferencia entre ligas, e a xornada do domingo, definiría a clasificación e reparto de premios da bandeira en cuestión.

Neste sentido, Antonio Veiga declarou que “este tipo de actividades, ademais do valor que teñen como eventos a nivel deportivo, aportan un valor engadido que é a afluencia de xente ao concello co gallo da súa celebración: moitas persoas se achegarán a Celeiro esa fin de semana para asistir ao evento”. Por outra parte, manifestou “parabéns á nova directiva do Club de Remo de Celeiro por ter dar continuidade a este deporte na comarca, así como polo esforzo posto para organizar este evento”.

Exit mobile version