Site icon Crónica3.com A Mariña

Cervo celebra o Día das Letras Galegas con literatura, música e premios

Cervo celebrará o Día das Letras Galegas con literatura, música e premios

-As asociacións culturais Airiños do Xunco e Os Aventados organizan estes actos nos que colabora o Concello de Cervo

-Ademais dos actos culturais programados, desenvolveranse as Xornadas de Balonmán ao longo de todo o día

Cervo, 16 de maio de 2012-O Concello de Cervo informou hoxe dos actos programados para mañá, 17 de maio, Día das Letras Galegas. Trátase dun evento organizado polas asociacións culturais Airiños do Xunco e Os Aventados coa colaboración do Concello de Cervo que inclúe literatura, actuacións musicais e premios.

Os actos desenvolveranse no salón de plenos da Casa do Concello e comezarán ás 18:30 horas cunha lectura de versos de Valentín Paz Andrade, o poeta pontevedrés ao que se lle dedica este ano o Día das Letras Galegas.

A continuación será o momento da entrega de premios aos rapaces e rapazas que resultaron gañadores da convocatoria literaria realizada entre os colexios cervenses. O acto rematará coa actuación musical do Dúo Maika e Johany, que porán música aos textos de Curros Enríquez, Celso Emilio Ferreiro e Álvaro Cunqueiro.

Xornadas de Balonmán

No Día das Letras Galegas tamén haberá tempo para a práctica de deporte, en concreto de balonmán, cunhas xornadas dirixidas a rapaces e rapazas de entre 10 e 14 anos que inclúen xogos de prebalonmán de 11:00 a 13:00 horas impartidos por técnicos e xogadores do Club Balonmán Viveiro; e minibalonmán de 15:30 a 17:00 horas. Ademais, disputarase a Final Provincial Infantil de Balonmán; ás 17:00 horas será a final feminina e ás 18:00 horas a final masculina.

Exit mobile version