Cervo inaugura unha exposición cos traballos presentados ao concurso fotográfico de Medio Ambiente
-Case 40 instantáneas de autores da comarca da Mariña e de Asturias concorren no certame
-A mostra poderase visitar dende hoxe e durante todo o mes de xuño
En total exhíbense 37 instantáneas sobre natureza e medio natural, que foron tomadas por 13 autores de varios concellos da Mariña así como de Asturias. Cabe lembrar que cada persoa participante podía enviar un máximo de tres imaxes sobre medio ambiente realizadas na comunidade galega.
A mostra poderase visitar durante todo o mes de xuño no horario de apertura do centro, de 8:30 a 15:00 horas pola mañá e de 17:00 a 20:00 horas pola tarde. Tamén está previsto que despois do verán se traslade á Casa da Cultura de San Ciprián.
Namentres, o II Concurso fotográfico “Cervo respecta” segue o seu curso, e será o vindeiro xoves día 31 cando se faga público o fallo do xurado e, polo tanto, se dean a coñecer as fotografías gañadoras e os seus autores. O 5 de xuño, o Día Mundial do Medio Ambiente, é a data elixida para a entrega de premios oficial.
No acto de inauguración da mostra, as persoas asistentes puideron comprobar o nivel das fotografías participantes. “O xurado vai ter un traballo difícil para elixir as instantáneas gañadoras, xa que todas elas amosan paraxes e escenas da natureza fermosas e orixinais” asegura o alcalde cervense despois de contemplar todos os traballos. “O obxectivo do certame está cumprido”, engade o rexedor, “xa que a nosa pretensión era expoñer a beleza da nosa contorna natural e ao mesmo tempo animar á observación da natureza e a súa inmortalización a través das fotografías como unha forma máis de fomentar a preservación do noso medio ambiente” remata Villares.