CELEBRACIÓN DE ELECCIÓNS LIBRES PARA A RENOVACIÓN DO PROPIO
ÓRGANO
Impugnando a candidatura da FRUGA a “Terneira Galega”, despéxase o camiño para que se
repartan os asentos do consello regulador e que tampouco haxa eleccións desta vez.
Lugo, 3 de maio de 2012. En febreiro deste ano, publicouse a convocatoria de eleccións para o
mes de xuño de 2012 para a renovación dos órganos de dirección dos consellos reguladores de
ámbito agroalimentario de Galiza. A Federación Rural Galega-FRUGA, como organización
constituída para a defensa dos sectores productivos agrarios galegos, presentou en prazo e forma
as súas propias candidaturas nos consellos reguladores máis representativos do País.
Pois ben, en contra do que era de esperar, os membros do consello regulador da Indicación
Xeográfica Protexida “Terneira Galega” (TG), veñen de acordar o veto, á candidatura que a
FRUGA
presentou no censo de gandarías incluído no sector produtor. Todo isto baixo
argumentacións moi pouco obxectivas, xa que fan referencia a cuestións ás que nen sequera se
fan referencia nas propias bases da convocatoria de eleccións.
Temos que lembrar que o consello regulador de TG está formado por 14 membros, repartidos
entre representantes do sector industrial (matadoiros, salas de despezamento e tamén maioristas
e retallistas) e representantes do sector productor, entre os que se inclúe o censo de gandarías,
que é o único dos censos de TG ao que a FRUGA presentou candidatura.
Por outra banda, o artigo 8 da orde que regula a propia convocatoria de eleccións contempla que
“se a totalidade das candidaturas correspondentes a un censo chegaran a un acordo na
repartición das vogalías, darase por concluído o proceso electoral para ese censo, e os
candidatos propostos serán proclamados candidatos pola Xunta Electoral”, é dicir, que a presencia
da FRUGA, impediría que se repartiran as prazas correspondentes ao censo de ganderías entre o
Sindicato Labrego Galego-COAG, Unións Agrarias-UPA e Xóvenes Agricultores-ASAJA e, deste
xeito, obrigaría a celebrar eleccións libres.
Desta maneira, prívaselle aos titulares das en torno de 7000 explotacións inscritas en TG,
primeiramente do debate necesario en todo proceso electoral e posteriormente de exercer o seu
dereito ao voto, polo tanto, pensamos que de non prosperar o recurso que a FRUGA vai presentar
e finalmente a nosa candidatura resulta impugnada, este proceso electoral non vai ter lexitimidade
algunha, xa que se convertiría nun proceso de dubidosa legalidade.
Desde a FRUGA insistimos na postura de que a nosa candidatura cumpre coas esixencias legais
establecidas nas bases da convocatoria de eleccións e que a falta de contido na impugnación
corresponde a criterios pouco obxectivos. Intencións que responden aos intereses dos diferente
axentes que teñen responsabilidades no consello regulador de TG, en especial dos sindicatos
agrarios que actualmente teñen representación e dos matadoiros, en manter o “status quo” sen ter
que someterse, outra convocatoria de eleccións máis, á vontade dos propios gandeiros inscritos a
TG.
Por todo o anterior a FRUGA mantén a firme determinación de chegar ata as últimas
consecuencias na defensa dos intereses dos gandeiros e gandeiras inscritas en TG defendendo
unha candidatura que é garantía de que non se amañen as eleccións a TG