Site icon Crónica3.com A Mariña

Día do xubilado: Todos contamos en Cervo

Día do xubilado: Todos contamos en Cervo

Coa celebración do Día do Xubilado, o conxunto da sociedade cervense quere demostrar ano a ano a súa gratitude e recoñecemento ao legado das xeracións que nos precederon. A aqueles homes e mulleres que co seu esforzo, traballo, intenso amor e dedicación contribuíron a darnos o moito do que hoxe goza a nosa sociedade. Cada primeiro de maio -e xa van pola súa 29 edición- desde o Concello de Cervo homenaxeamos a aqueles que deron o mellor de si por esta terra. Queremos poñer en valor o moito que seguen significando e achegando ás súas familias e á sociedade no seu conxunto.

Estar xubilado, non realizar xa un traballo diario remunerado, non é incompatible con estar activo, con seguir representado un papel protagonista esencial no eido familiar e social. Os nosos xubilados teñen no seu haber un longo pasado, pero seguen a ser presente e futuro de Cervo. Eles mesmos dan mostra desta vida activa. O seu empuxe faise notar en multitude de actividades onde a súa contribución, colaboración e presenza é decisiva: desde o aproveitamento das instalacións deportivas, ata a participación nos espazos e actividades de lecer ou o nos principais eventos culturais.

Quizá agora máis que nunca, en tempos de crise e dificultades, de axustes obrigados, de esforzos, o seu exemplo e a súa axuda constitúe unha contribución esencial para lembrarnos que a vida é, por definición, un percorrido cheo de desafíos. Pero si algo temos aprendido dos nosos xubilados -e isto é unha lección impagable- é, que no canto de lamentarnos hai que traballar duro. Acabar dunha vez coa única crise que verdadeiramente supón unha ameaza: a traxedia de non querer loitar por superala.

Tamén, a atención ás necesidades e demandas dos nosos xubilados debe ser un dos obxectivos fundamentais daquelas políticas que desexen garantir o benestar e a calidade de vida dos cidadáns. O compromiso dos poderes públicos cos xubilados cervenses reflectiuse nos últimos anos na multiplicacións dos espazos culturais, centros sociais, infraestruturas de benestar, deporte e espazos públicos como paseos, prazas ou zonas verdes. Na aposta decidida por un dos mellores servizos sociais da comarca -no que xoga un papel esencial o empeño e o cariño do persoal que nel traballa-, na posta en marcha das escolas deportivas de adultos ou en actividades encamiñadas á protección de consumidores ou información sobre a saúde. E ten un futuro prometedor, no servizo, atención e conciliación que prestará a residencia con centro de día de San Ciprián, cuxa construción marcha a un ritmo satisfactorio.

Esta claro que só entre todos faremos deste un país de todos e para todos. Unha terra que non é patrimonio de ningunha xeración en particular pero que si sabe e recoñece as achegas dos que acumulan máis anos e máis vivencias. Unha sociedade que conxugue o empuxe dos novos coa experiencia e coñecementos dos nosos xubilados será unha sociedade que saberá dar resposta a todos os retos. Todos contamos en Cervo. Todos construímos o futuro deste concello.

Exit mobile version