Site icon Crónica3.com A Mariña

EcoGaleguista valora o avance na mesa de diálogo con AGA, EI, +G e para constituír un proxecto político situado no galeguismo e na esquerda transformadora

Avancemos na construción dun novo referente do galeguismo político e da esquerda nacional

Construamos un espazo da esquerda renovadora desde a radicalidade democrática

16 de maio de 2012

O Espazo EcoGaleguista valora positivamente o avance na mesa de diálogo entre AGA, EI, +G e mais EcoGaleguistas para constituír un novo proxecto político situado no galeguismo e na esquerda transformadora.
Na mesa de grupos reunida onte, 15 de maio día da indignación cívica, en Compostela aceptouse unanimemente a proposta de EcoGaleguistas de reiniciar o proceso asembleario baixo tres criterios mínimos: o impulso multilateral, a apertura á sociedade ‘extramuros’ do que foi o BNG e as convocatorias de base local, ademais de limitar temporalmente o proxecto por mor da convocatoria electoral.
Con todo, e dado que os ritmos e os procesos de cada colectivo son diferentes, este acordo non foi posible e só foi posible asinar un acordo político e programático entre AGA, +G e mais EcoGaleguistas, froito do traballo realizado no “obradoiro de ideas” das pasadas semanas.
Espazo EcoGaleguista entende que é moi importante, na súa función de estimulador de novas ideas, que o borrador programático que nos próximos días se presente por Galicia teña unha compoñente moi importante das nosas elaboracións.
En todo caso, Espazo EcoGaleguista vai seguir traballando para que existan vasos comunicantes, co obxectivo de que non se distancien ambos procesos, e vai seguir a participar tanto nas asembleas nas que xa estaba, coma no necesario proceso de presentación pública do acordo con +G e AGA (anexamos comunicado conxunto).
Espazo EcoGaleguista vai seguir o seu proceso constituínte que remata o 26 de maio, pois entendemos que a fortaleza do espazo cultural ecosocialista e renovador será importante para a construción do novo referente político nacional. Namentres, non daremos ningún paso de confluencia orgánica con ningún dos outros tres colectivos.
Espazo EcoGaleguista abordará na súa asemblea constituínte do 26 de maio os aspectos relacionados coa nosa formación como partido 2.0 e a nosa resolución favorable a facilitar procesos de converxencia orgánica no espazo da esquerda nacional renovadora e nas novas formas de entender a política desde a radicalidade democrática.

Exit mobile version