Re-Export facilita o financiamento de operacións de exportación por 10 millóns
ECONOMÍA E INDUSTRIA ASINA UN PROGRAMA PIONEIRO CON 10 ENTIDADES FINANCEIRAS QUE ABRE A LIÑA DE AVAIS RE-EXPORT PARA FINANCIAR OS CUSTOS DE EXPORTACIÓNS DAS PEMES
Javier Guerra salienta a necesidade de manter a máxima colaboración coas entidades de crédito para favorecer a actividade comercial das pemes galegas
Esta iniciativa facilitará o cobro anticipado dos importes das exportacións contratadas e materializadas
Javier Guerra salientou hoxe a necesidade de manter a máxima colaboración coas entidades de crédito para favorecer a actividade comercial das pemes galegas e desatacou o compromiso das entidades asinantes, ademais de deixar a porta aberta á participación das entidades que queiran participar neste programa. Neste sentido, salientou a presenza de das 10 entidades participantes: Banco Gallego, NCG Banco, Banco Etcheverría, Banco Popular Español, Banco Pastor, Caixabank, Banco Espirito Santo, Caixa Rural Galega, Bankinter e Banco Sabadell.
Guerra lembrou que co Re-Export a Xunta está a pór en marcha unha nova liña de avais do 50% para facilitar o financiamento das operacións de exportación das pemes galegas por importe de 10 millóns de euros, que vén a completar as distintas ferramentas postas ao dispor das empresas galegas pola Consellería que dirixe.
O acordo asinado hoxe esta destinado a impulsar as exportacións das pemes de calquera actividade produtiva, facilitando o acceso ao financiamento operativo, tanto para iniciar como para ampliar e consolidar a actividade exportadora. As operacións avaladas polo programa re-Export oscilarán entre os 80.000 e os 250.000 euros.
Os avais concedidos polo Igape, ao abeiro do novo programa, poderán garantir operacións de financiamento de materias primas para a fabricación dos produtos a exportar e de gastos derivados dos procesos de envasado e preparación para o envío ao exterior. Do mesmo xeito as axudas facilitarán o cobro anticipado dos importes das exportacións contratadas e materializadas.
Guerra sinalou que esta iniciativa enmárcase no eixo de apoio á internacionalización da empresa galega ao que a Consellería de Economía xa ten destinado 76 millóns de euros, no que vai de lexislatura. Neste eido, a Consellería traballa para continuar incrementando o número de empresas galegas presentes nos mercados internacionais, xa que o obxectivo fixado pola Xunta para 2013 era acadar un aumento de 700 novas empresas exportadoras e tense chegado ás 500, contando cun total de 5.373 empresas galegas exportadoras.