Site icon Crónica3.com A Mariña

Foz: operación rescate

FOZ: OPERACIÓN RESCATE

Días pasados a prensa noticiaba que dous partidos con presencia na Corporación de Foz mantiñan conversas para chegar a acordos que posibiliten o que na terminoloxía tan actual podería denominarse “operación rescate” de Foz.; é dicir, esa actuación á que son tan dados os “salvapatrias”, que non faltaron no decorrer da nosa historia e que maiormente deixaron regueiros de sangue e de miseria. E a cousa debe ir en serio porque, a xulgar pola información, un dos partidos implicados mesmo puxo en acción ós que son cerebros do redil na cume provincial.

Confesamos que, de sempre, a intervención de “salvapatrias” espertaron en nós preocupación non exenta de temor. A nosa experiencia naceu á par que a chegada á vida. O inicio dela nono lembramos pois, aínda que estábamos alí, eramos moi pequenos; pero logo contáronos que cando María nos pariu cruzaban os ceos do país os zumbidos das bombas que abrían o paréntese á que foi a mais dramática etapa do século XX. E fomos sabendo, paseniño, dos “salvapatrias”, tan interesados en “rescatar” ós cidadáns, daquelas xentes ás que elixiran, e que a súa condición de “amadores da patria” (de feito eran tempos de “todo por Aquéla”) non lles permitía permanecer impasibles, e armaron a marimorena coa traxedia que val máis esquecer. Cando rematado o fregado – pero non as tráxicas consecuencias, nunca superadas – os “salvapatrias” berraban aquelo de “¡España: unha, grande e libre!”; outras voces mais conscientes, sensatas e reflexivas , laiábanse así:: “Fixéstela grande, fixéstela libre … ¡¡fixéstela boa!!”.

É obvio que nada ten que ver a parodia que hoxe nos permitimos cos feitos que propiciaron aquela hecatombe; que saibamos, a ninguén se lle pasa polo maxín crear unha situación parecida nen a desexa. Esta é unha elucubración intranscendente á vista das actitudes que moitas veces adoptan os políticos ”polo ben dos veciños”, iso si, alleas ós intereses xerais da cidadanía, mais partidaria do entendemento, o diálogo civilizado, coa dose precisa de tolerancia que cristalice en consensos que favorezan o normal e distendido discorrer da vida comunitaria, dende o respecto á sociedade que representan, á que acotío vapulean nos seus sentimentos de focegos/as de nación e de corazón. Esta nosa disquisición prodúcese pola inevitable asociación de ideas que acoden á mente, por lonxanas semellanzas, e porque feitos así poden revelar a existencia de inclinacións na liña temida; propensións das que acaso poda dicirse, coma das meigas, que “haberlas, hailas”.

Exit mobile version