O “Concerto pola lingua” organizado por Galiza Nova da comarca da Mariña celebrarase o venres día 11 de maio, ás 23 horas, no pub “O Rockuncho” de Ribadeo e, evidentemente, a entrada é absolutamente de balde.
O concerto ten dous obxectivos. Por unha banda, queremos pór en valor a música feita na nosa lingua e, asemade, convidar a todos os asistentes a secundaren a mobilización nacional convocada pola Plataforma Cidadá Queremos Galego. A manifestación celebrarase o día 17 de maio en Compostela e é preciso amosarmos, máis unha vez, o noso enérxico rexeitamento ás políticas galegófobas do PP que o único que procuran e a desaparición da nosa lingua.
Así, para pórlle ritmo a estes obxectivos, contaremos coa música máis nosa da man dos Tumba e Dálle para posteriormente disfrutarmos do “gastropunk” da Terbutalina.
Deste xeito, desde Galiza Nova, animamos a todas as persoas da Mariña, ás novas e ás non tan novas, a disfrutaren do “Concerto pola lingua” e a secundaren a mobilización nacional da Plataforma Queremos Galego.